Mundos Digitales abre as súas portas este 7 de xullo xuntando máis de 1.200 profesionais

mércores, 6 de xullo do 2022 S. P.

O congreso internacional Mundos Digitales reunirá na Coruña entre o 7 e o 9 de xullo máis de 1.200 profesionais do sector da animación, da comunicación audiovisual e dos contidos dixitais. Así se fixo saber saber este mércores 6 de xullo na presentación deste evento especializado profesional, que chega á súa 20 edición para “impulsar o sector da animación” e “situar Galicia como referente na creación de contidos para os novos medios e formatos”.
Na presentación participaron (entre outros) o director do congreso Manuel Meijide, e máis o director da Axencia Galega das Industriais Cuturais (AGADIC), Jacobo Sutil, quen confirmou que contará con stand de seu no evento, destinado a informar das medias de apoio que se brindan dende a Consellería de Cultura e Educación para o ámbito dos videoxogos, a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural.
Mundos Digitales desenvolverá no recinto PALEXCO da Coruña, a partir deste xoves 7 de xullo, un amplo programa de actividades que abranguerá presentacións, obradoiros, conferencias, clases maxistrais impartidas por profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional. Nun dos paneis participará como relatora a coordinadora de Política Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais, Dolores Meijomín. Ademais, ofreceranse proxeccións de diversas fitas innovadoras desde o punto de vista dos efectos visuais e celebrarase o Festival Internacional de Animación, certame de curtas non comerciais ao que concorren oito producións finalistas para acadar os premios de mellor curta e mellor curta nacional.
Non serán os únicos galardóns que se entreguen no marco do congreso, xa que o cineasta e especialista de efectos visuais Paul Franklin recibirá o Premio Especial Mundos Digitales 2022. Este artista británico gañou dous premios Oscar polo seu traballo nas películas Origen e Interstellar, ambas as dúas dirixidas por Christopher Nolan, e ten traballado en múltiples grandes superproducións cinematográficas.
A Feira de Emprego de Mundos Digitales, considerada a segunda en relevancia a nivel europeo, será outro dos grandes alicientes desta vixésima edición. Empresas e profesionais terán un punto de encontro para entrar en contacto, manter entrevistas e celebrar xuntanzas de traballo co duplo obxectivo de crear novas oportunidades laborais e de facilitar a captación de talento. Unha vintena de empresas, tanto estatais coma internacionais, participarán neste espazo de sinerxías.

PUBLICIDADE