Movistar comercializa un smartwatch para persoas maiores

venres, 19 de maio do 2023 Marcus Fernández

O vindeiro luns Movistar vai iniciar a comercialización de Reloj TeCuida, un novo servizo de teleasistencia de Movistar Salud que consiste nun smartwatch para persoas maiores, que facilita a súa monitorización para mellorar a súa vida e tranquilizar aos seus familiares e coidadores.
O reloxo destaca por estar asociado a un servizo de asistencia de emerxencias as 24 horas do día, de xeito que o usuario pode premer o botón de emerxencias para contactar coa central receptora, para que un axente se poña logo en contacto co usuarios para verificar o seu estado e enviar asistencia se fose preciso. No caso de non poder contactar co usuario do reloxo o axente chamará aos contactos de emerxencia para xestionar a alerta. Ante pulsacións accidentais o reloxo tamén ten un botón de cancelación de falsas alarmas.
Outra función interesante e a de detección de caídas, de xeito que se o reloxo entende que o usuario experimentou unha caída, activa unha alerta automática ao centro de control, para facilitar unha atención áxil e axeitada.
O Reloj TeCuida tamén conta con GPS (para poder coñecer a localización do usuario, e incluso empregar tal información para activar notificacións sobre as chegadas e saídas do usuario) e tamén pode facer un seguimento do ritmo cardíaco, o nivel de osíxeno en sangue e do número de pasos diarios. A información que recolle o reloxo pódese consultar a través dunha aplicación móbil.
Este novo reloxo poderase mercar nas tendas de Movistar ou a través dos servizos de atención telefónica e en liña da compañía, chegando ao mercado a un prezo de 24,90 euros/mes, co que inclúen o prezo do reloxo cunha permanencia de 24 meses e garantía de 3 anos.

PUBLICIDADE