Movistar, Vodafone e Orange suben un novo chanzo de interoperabilidade co servizo Joyn

martes, 2 de abril do 2013 Redacción

As operadoras Movistar, Vodafone e Orange veñen de anunciar o lanzamento de teléfonos móbiles co servizo de comunicación enriquecida (RCS) baixo a marca Joyn. O proceso de achega, que comeza hoxe, abranguerá trebellos de fabricantes como Samsung, LG, HTC, Sony e Nokia. Máis polo miúdo, os móbiles que levarán integrada o devandito servizo son os seguintes modelos: Samsung Galaxy SIII, LG Optimus L9, HTC One S, Nokia Lumia 920 e Sony Xperia Z. A idea é estender a incorporación ao resto do catálogo dos devanditos fabricantes. Segundo informan as operadoras, os clientes actuais destes modelos poderán utilizar o servizo descargando unha actualización de software para o seu aparello.
E engaden, facendo referencia aos detalles de preparación e axuste previos ao lanzamento: “Para poder usar a marca Joyn, os dispositivos pasaron un rigoroso proceso de certificación que consiste en estritas probas de funcionamento e interoperabilidade que garanten a calidade, privacidade, seguridade e dispoñibilidade dos servizos”. Dito doutro xeito: súbese con esta achega un novo paso en materia de compatibilidade entre as devanditas compañías, cousa que xa comezou a materializarse o pasado mes de novembro. Xa nun plano máis concreto e para poñernos ao tanto do que nos ofrece este novo servizo, dicir que Joyn permitirá cousas como participar en chats, enviar arquivos e realizar chamadas enriquecidas con intercambio simultáneo de imaxes ou vídeos, “dunha maneira privada e segura”, engaden as operadoras, “e con calquera membro da súa listaxe de contactos que utilice tamén Joyn, con independencia da rede ou dispositivo móbil”.

PUBLICIDADE