Movistar Plus+ estrea en xuño a segunda tempada da serie galega Rapa

xoves, 30 de marzo do 2023 S. P.

Este 28 de marzo celebrouse a presentación do primeiro episodio da segunda tempada da serie galega Rapa no marco da VI edición do Festival Crossover Cultura de Series en Donostia. Será no mes de xuño cando chegue á plataforma de streaming Movistar Plus+ a segunda tempada do thriller policíaco con guión dos galegos Pepe Coira e Fran Araújo. No encontro participaron os actores protagonistas Javier Cámara e Mónica López, acompañados dos produtores executivos Susana Ferreiras (Movistar Plus+) e Alfonso Blanco (Portocabo).
Onda Javier Cámara e Mónica López, completan o reparto de Rapa, entre outros: Carlos Blanco, Federico Pérez Rey, Evaristo Calvo, Melania Cruz, Darío Loureiro, Iolanda Muíños, Chisco Amado, Adrián Ríos, Lara Boedo e Fran Lareu.
A trama dos novos episodios leva a Maite e a Tomás a Ferrol, lugar no que dous casos sen resolver volverán unilos. Ela introducirase no Arsenal, un mundo hermético rexido por unhas normas moi estritas, onde desapareceu unha oficial. El empeñarase en resolver un caso de asasinato que está a piques de prescribir logo de 20 anos.
Rapa converteuse coa súa primeira entrega na mellor estrea de ficción da pasada tempada en Movistar Plus+. O proxecto conta co apoio do Hub Audiovisual da Xunta financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
Alén disto, confirmouse o novo proxecto de Movistar Plus+ coproducido xunto a Portocabo: a miniserie Garbo, creada polo mesmo equipo creativo de Rapa e Hierro: Pepe Coira, Fran Araújo e Jorge Coira. Contará a historia real de Juan Pujol, un axente dobre español que foi clave para que os aliados gañasen a II Guerra Mundial.
Este thriller policíaco creado por Pepe Coira e Fran Araújo, cuxo rodaxe finalizou en decembro, conta nesta segunda tempada con Rafa Montesinos e Marta Pahissa na dirección.
A segunda tempada de seis episodios chegará á plataforma en xuño.

PUBLICIDADE