Motorola suma Android One e pantalla ultrapanorámica no seu novo smartphone

mércores, 15 de maio do 2019 Marcus Fernández

Os smartphones con Android One son toda unha garantía para moitos consumidores que buscan unha experiencia de Android pura e actualizacións rápidas do seus sistema operativo, e dentro da liña de móbiles de Motorola que aposta por esta plataforma presentouse hoxe o Motorola One Vision, que chama poderosamente a atención coa súa pantalla CinemaVision ultrapanorámica Full HD+ de 6,3 polgadas, ou sexa, cunha relación de aspecto 21:9 propia das pantallas de cine, permitindo así un agarre cómodo cunha soa man á vez que conta cunha grande superficie de pantalla que ten marcos bastante reducidos ao agochar a súa cámara frontal de 25 Mpíxeles nun orificio na parte superior esquerda da pantalla. Facendo uso da tecnoloxía Quad Pixel esta cámara frontal consegue selfies de 6 Mpíxeles moi nítidos en condicións de pouca luz.
A cámara traseira deste móbil tamén fai uso da tecnoloxía Quad Pixel, de xeito que o seu sensor de 48 Mpíxeles (apoiado por un obxectivo secundario de 5 Mpíxeles) consegue unhas nítidas imaxes de 12 Mpíxeles cun nivel de ruído reducido, e grazas ao uso da intelixencia artificial tamén pode gozar de captura automática de sorrisos, iluminación de retrato e composición intelixente, facilitando a toma de grandes fotografías dun xeito sinxelo. Tamén conta cun modo de visión nocturna que axuda a conseguir imaxes sorprendentes con pouca luz.
A súa batería de 3.000 mAh achega autonomía dabondo para empregar o móbil todo o día e coa carga rápida de 15 watts consegue capacidade para 7 horas de uso en só 15 minutos de carga. O seu procesador Exynos 9609 de 8 núcleos tamén consegue un grande rendemento, o que sumando aos seus 4 GB de RAM e os 128 GB de almacenamento interno UFS (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB) fai que esteamos ante un dispositivo moi completo polo prezo de 299 euros que terá cando chegue ás tendas europeas o mes que vén.
Tamén cómpre salientar que este smartphone conta son Dolby, resistencia á auga IP52, Bluetooth 5.0, Wi-Fi AC, NFC e radio FM.

Vídeo promocional do Motorola One Vision

PUBLICIDADE