Motorola renova o seu catálogo de dispositivos móbiles

venres, 5 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Agora que xa non está baixo o paraugas de Google, Motorola tiña que demostrar que segue por bo camiño dentro de Lenovo, e fíxoo con grande acerto renovando os seus smartphones e acompañándoos con novos accesorios que de seguro que serán produtos moi ben recibidos no mercado por manter a súa boa relación calidade-prezo.
O produto estrela dos presentados é, sen dúbida, o Moto G, que mantendo o seu prezo (a partires de 179 euros) opta agora por unha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, 8/16 Gb de almacenamento interno (que agora pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 32 Gb), mellorando tamén lixeiramente as súas cámaras (agora de 8 e 2 Mpíxeles) e o seu son (incluíndo 2 altofalantes estéreo), aínda que mantendo a súa batería nos 2.080mAh. Esta mellora son incrementa o seu peso 6 gramos (chegando a 149 gramos) e o seu grosor en 4,7 milímetros, polo que continúa a ser bastante compacto. Espérase así que este volva ser o móbil estrela da compañía.


Vídeo promocional do Moto G

Os usuarios máis esixentes poden optar polo seu irmán maior, o novo Moto X, que ten unha pantalla OLED Full HD de 5,2 polgadas, 2 Gb de RAM, procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz, 16/32 Gb de almacenamento interno, cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, altofalantes dianteiros, batería de 2.300 mAh e numerosas opcións de personalización (nalgúns mercados), deixando claro que quere ser unha opción Premium en detalles como o seu marco curvo de metal e no seu elevado prezo (parte dos 499 dólares nos EE.UU., o que resulta difícil de xustificar no que a especificacións se refire, pois só está lixeiramente por enriba do Moto G).


Como novos accesorios para os smartphones tamén se presentou unha pequena batería externa con forma de chaveiro, o Power Pack Micro, que terá un prezo de 39,99 dólares, carcasas de multitude de cores, unha capacidade de 1.500 mAh e unhas dimensións de 60 x 41 x 17 milímetros, que moitos poderían elixir ás aparatosas baterías externas que tanta popularidade gañaron nos últimos tempos en vista das deficientes autonomías dos smartphones.


Vídeo promocional do Power Pack Micro


E avogando polo bo deseño e a discreción, temos tamén agora o Moto Hint, un pequeno auricular con micrófono que pode levarse comodamente na orella para controlar o móbil mediante a voz ou para facer chamadas en mans libres, e que busca que o levemos na orella en todo momento para escoitar notificacións, facer chamadas e enviar mensaxes sen ter que tocar ou mirar o noso teléfono. É moi lixeiro e comercialízase en numerosas cores e materiais, para darlle un toque diferente que o faga moi atractivo para moitos perfís de usuario distintos. Inclúe unha funda de carga que permite cargar un par de veces o auricular en mobilidade, para que así poida empregarse durante unha xornada enteira sen problema, estando a súa autonomía fixada en 10 horas de conversa e 100 horas en espera. A súa principal eiva sería claramente o seu prezo (149,99 dólares).


Vídeo promocional do Moto Hint


E para concluír, podemos comentar que finalmente se confirmaron os rumores relativos ao Moto 360, e o smartwatch de Motorola chega finalmente ao mercado, rexistrando xa problemas para atender a demanda nos establecemento norteamericanos de Best Buy (estando tamén esgotado na tenda en liña do seu fabricante), deixando claro que o público levaba tempo agardando por este dispositivo. É de agardar que en España poidamos gozar do mesmo a partires de outubro a un prezo de 249 euros.
Este reloxo con Android Wear é resistente á auga, inclúe monitor cardíaco e podómetro para funcións deportivas, integra micrófono para facilitar as ordes de voz e o ditado de texto, destaca pola súa pantalla circular e as súas correas son intercambiables, de xeito que poderemos optar por substituír a súa correa de coiro por unha de metal, dándolle unha aparencia especialmente elegante, que asemella moito a este trebello a un reloxo de pulso tradicional.


Vídeo promocional do Moto 360

PUBLICIDADE