Motorola presenta un accesorio para evitar que perdamos o móbil ou as chaves

mércores, 19 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Motorola está a comezar a comercialización dun accesorio que busca axudar a solucionar un problema cotián, como pode ser o non atopar o móbil ou as chaves, e para iso teremos o Motorola Keylink, un pequeno dispositivo que podemos levar a xeito de chaveiro, que comunícase sen fíos co smartphone a unha distancia de até 30 metros e, grazas á aplicación Motorola Connect (dispoñible en Google Play e na App Store), o que permite que dende o chaveiro poidamos facer que o teléfono emita un son para facilitar a súa localización e viceversa.
Amais, nos smartphones con Android 5.0 tamén pode aproveitarse o Motorola Keylink como un identificador do usuario do móbil, de xeito que, se as chaves están preto do teléfono, o terminal prescindirá da necesidade de introducir un contrasinal para poder desbloquear o terminal.
O accesorio sae inicialmente á venda nos EE.UU. a un prezo de 24,99 dólares e entre as súas vantaxes figura a súa autonomía, xa que pode operar até un ano enteiro cunha simple batería de botón estándar, o que elimina a preocupación de ter que andar recargando a batería cada pouco tempo.

O Keylink pode empregarse como chaveiro para facilitar a localización do móbil e das chaves

PUBLICIDADE