Motorola presenta os seus novos móbiles encartables

xoves, 1 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Motorola presentou hoxe os seus novos móbiles encartables para o presente ano, o Motorola Razr 40 e 40 Ultra, que buscan facerse un oco nun segmento dominado claramente pola familia de móbiles Galaxy Flip de Samsung, para o que teñen un deseño moi atractivo, aínda que en prezo é moi difícil que poidan competir coas agresivas promocións da compañía surcoreana.
O Motorola Razr 40 podería verse como unha actualización continuista do modelo do ano pasado, cunha pantalla encartable pOLED de 6,7 polgadas, unha pantalla externa de 1,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 1, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, cámara traseira principal de 64 Mpíxeles e cámara traseira ultra grande angular de 13 Mpíxeles con posibilidades de fotografía macro, cámara frontal de 32 Mpíxeles, conectividade 5G e Wi-Fi 6 e unha batería de 4.200 mAh con carga rápida de 30 watts e carga sen fíos de 5 watts. Tamén ten resistencia IP52 (poderiamos considerar que repele a auga), NFC e un acabado en pel sintética a escoller entre 3 cores distintas. Espérase que saia á venda a mediados de xullo a un prezo de 899 euros.
Máis atractivo é o Motorola Razr 40 Ultra, que aparte da súa pantalla encartable pOLED de 6,9 polgadas sorprende ao estar equipado cunha pantalla externa de 3,6 polgadas, polo que sería o móbil neste formato que máis seriamente apostaría pola súa pantalla externa (na que corren case todas as aplicacións de Android sen problema). Desta volta a cámara principal é de 12 Mpíxeles, o grande angular de 13 Mpíxeles (con macro) e a cámara frontal de 32 Mpíxeles; véndese con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento a un prezo de 1.199 euros, e está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 8+ Gen 1 (ou sexa, un alta gama de finais do ano pasado), e a súa batería de 3.800 mAh conta con carga rápida de 30 watts e carga sen fíos de 5 watts. Estamos ante un smartphone que grazas a equiparse cunha pantalla externa de grande tamaño pode mudar o xeito no que vexamos este formato de teléfono, xa que até agora tiñamos a percepción de que eran como un teléfono de cuncha (con tapa) e coa pantalla externa de 3,6 polgadas permite unha serie de uso co móbil pechado que achegan unha flexibilidade moi grande.

A xenerosa pantalla externa do Motorola Razr 40 Ultra supón un importante cambio ao xeito de ver este tipo de terminais

PUBLICIDADE