Motorola FLIPOUT, o móbil compacto con Android 2.1

mércores, 2 de xuño do 2010 Marcus Fernández

O KIN ONE chegou aos EE.UU. coma un interesante terminal de telefonía móbil promovido por Microsoft e orientado a un público mozo, que este mesmo mes vai contar cun serio competidor, o móbil Motorola FLIPOUT, que ten unha aparencia externa moi semellante, cunha pantalla multi-táctil de 2,8 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles e un teclado QWERTY deslizante, pero que destaca por funcionar con Android 2.1.
Este novo móbil compacto conta con 512 Mb de memoria interna ampliable con tarxetas microSD (inclúe unha de 2 Gb), cámara de 3 Mpíxeles, GPS, compás dixital e Wi-Fi. A nivel de software incorpora MOTOBLUR, servizo que contribúe a acceder ao correo electrónico, as mensaxes de texto, Facebook, MySpace e Twitter dende o móbil. Tamén permite o seguimento por GPS e incluso o borrado remoto de datos en caso de perda ou roubo.
O Motorola FLIPOUT mide 6,7 x 6,7 x 1,7 centímetros, pesa 120 gramos, conta cunha autonomía de 1.170 mAh que permítelle unha autonomía de ata 357 minutos en conversa e 365 horas en espera, reproduce vídeo en WMV, MPEG-4 e H.264 e audio en MP3, WMA e AAC, recibe radio FM e incluso integra un navegador web con soporte de Flash.
Polo momento non hai detalles sobre o prezo e a data de lanzamento deste interesante móbil en Europa, aínda que parece previsible que chegue antes ao mercado norteamericano, onde este tipo de dispositivos gozan de maior popularidade.


Vídeo promocional do Motorola FLIPOUT

PUBLICIDADE