Montserrat Guardia de Alastria defende as vocacións tecnolóxicas feminas

venres, 4 de outubro do 2019 Redacción

Montserrat Guardia, directora xeral do Consorcio Alastria Blockchain, explicou a súa visión sobre a presenza das mulleres nas carreiras STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) no marco do programa GIRL STEM: derrubando estereotipos, que impulsa a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) e a AMTEGA.
Nun encontro con case 300 rapazas e rapaces dos centros IES Monelos, IES Mugardos, IES Rafael Dieste (A Coruña), CPI Camiño de Santiago (O Pino) e IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Guardia apuntou algunhas claves necesarias para que as rapazas escollan libremente una carreira científica ou tecnolóxica, que son ámbitos nos que a presenza feminina tan só representa un 25% do total de estudantes, segundo o informe presentado o pasado mes pola Asociación Española para a Dixitalización, DigitalEs. «As mulleres non podemos deixar que os comentarios e opinións de outras persoas acerca das nosas capacidades, nos inflúan á hora de decidir cal é a nosa vocación», explicou a poñente a un auditorio de rapaces e rapazas de 14 anos que participaron na sesión comentando como enfocan os seus futuros e que nalgún caso manifestaron querer cursar estudios influídos pola opinión de familia e amigos. Ante estas respostas, a poñente non dubidou en aconsellar que «hai que valorar as opinións que nos dan, pero debemos pensar se o que a xente espera de nós é o que nós queremos de verdade».
Montserrat Guardia cre que é necesaria unha maior comprensión cara o papel que pode ter a muller en profesións técnicas e considera que as mulleres deben escoller libremente, sen ataduras sociais ou culturais. «Na miña época era raro estudar Enxeñería de Telecomunicacións. Estaba convencida de que a decisión tiña que ser miña, non dos meus pais nin das miñas amigas». E engadiu que «o poder de decisión e acción non é unha capacidade masculina ou feminina, é unha capacidade de persoas» e apuntou que, no seu caso persoal tivo a sorte de que as súas parellas apoiaron sempre as decisións e postos de alta responsabilidade, algo que para ela foi fundamental «rodearse de xente que te apoia e evitar a quen non valora os teus desexos e capacidades».
Sobre as carreiras STEM, a directiva de Alastria apuntou que todas as comodidades e avances que melloran o noso día a día baséanse en cálculos matemáticos e operacións de enxeñería que non vemos pero que nos axudan a vivir nun mundo mellor; e dirixíndose ás mozas e mozos do auditorio afirmou «se vos gusta experimentar, cambiar e mellorar a vosa realidade, tedes corazón de enxeñeiras e enxeñeiros».
Respecto da discriminación positiva, Guardia cre máis nas persoas que na segregación por xénero: «Necesitamos persoas que saiban traballar en equipo e os equipos teñen que ser inclusivos e representativos de toda unha sociedade para realmente facer achegas valiosas e desenvolver unha tecnoloxía ao servizo da humanidade».

PUBLICIDADE