Monkey Island destaca entre os Xogos con Gold do mes de novembro

luns, 24 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Tras un outubro bastante discreto, os Xogos con Gold mantéñense na mesma liña en novembro, e anuncian hoxe os xogos que recibirán os subscritores de pagamento de Xbox LIVE o mes que vén, que son practicamente descoñecidos no caso dos títulos de Xbox One e máis interesantes (aínda que sen ser AAA) no caso de títulos retrocompatibles de Xbox 360.
A partires do primeiro de novembro os usuarios de Xbox LIVE Gold poderán facerse con Super Dungeon Bros, un xogo de Wired Production no que os heroes do heavy metal Axl, Freddie e Ozzie teñen que recorrer distintos alxubes de temática roqueira para cumprir unha misión dos deuses do rock, ou sexa, un beat’em up de vista superior que adopta unha temática curiosa para conseguir unha identidade de seu.
A partires do 15 de novembro o xogo que recibirán os usuarios de Xbox One será Murdered: Soul Suspect, un xogo de Square Enix que podemos definir como de suspense detectivesco cun xiro sobrenatural, xa que o xogador terá que resolver o seu propio asasinato dende o alén.
Para Xbox 360 os xogos son máis atractivos, pois na primeira quincena de novembro teremos Monkey Island: Edición Especial, unha revisión do clásico de LucasArts que gora conta con gráficos totalmente redebuxados para poder xogarse de xeito agradable en alta definición. Incluso a música remasterizouse, de xeito que estamos ante unha moi digna recuperación dun imprescindible das aventuras gráficas.
Remataremos o mes con Far Cry 3: Blood Dragon para Xbox 360, unha especie de expansión de Far Cry 3 que non precisa do xogo orixinal para correr, e que opta por un cambio de ambientación, levando a acción a mundo que parece sacado dun videoclub de finais dos anos 80, con numerosos tópicos do cine de acción no que hai que conseguir á moza, matar aos malos e salvar ao mundo. Estaremos ante un enfrontamento de cyborgs nun futuro nuclear no que incluso haberá mutantes e os dragóns sanguentos que dan título ao xogo.

Vídeo de presentación dos Xogos con Gold de novembro

PUBLICIDADE