Modernización incentiva a creación de contidos educativos dixitais con premios en metálico

xoves, 28 de abril do 2011 Raquel Noya

Din os seus promotores que o Proxecto ABALAR ten a súa orixe na palabra celta “abal”, que significa mazá, a froita da sabedoría, e que no termo galego úsase ABALAR para transmitir a mensaxe de promover e facilitar o movemento, o cambio e a transformación na educación.
Se ben é certo que hai unha necesidade de cambio na metodoloxía de ensino tradicional, que agora debe botar man de todas cantas ferramentas tecnolóxicas existen para non quedar obsoleta, tamén é certo que é labor de todos facer que o proxecto teña éxito e que as TIC se integren finalmente en tódalas escolas galegas.
Porén, está nas mans dos mestres, por enriba do resto da sociedade, que os novos contidos educativos con carácter dixital se integren no día a día do alumnado, tarefa que se verá axilizada se son eles mesmos os que os elaboren.
Xa que logo, a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vai convocar uns galardóns que premiarán o desenvolvemento de novos contidos educativos con identidade dixital por parte dos profesores e profesoras galegas.
Esta convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado día 6 de abril, xunto coa resolución pola que se establecen as bases reguladoras da concesión deste recoñecementos, no marco do Proxecto ABALAR.
A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, dentro do programa Axudas para o desenvolvemento da sociedade da información, é a encargada de dotar economicamente estes incentivos, nos que se recoñecerá a calidade de contidos accesibles mediante medios electrónicos e interactivos.
Os traballos presentados deberán referirse aos cursos nos que se implantou este ano o Proxecto ABALAR e a aqueles nos que se vai implantar o vindeiro curso, é dicir, 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO. Para estes dous cursos de Primaria establécense 4 modalidades, relativas as áreas de Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural; Lingua Galega e Literatura; Matemáticas ou Educación Física; e Plástica. No caso do primeiro ciclo da ESO hai 6 modalidades convocadas, arredor das áreas de Ciencias Sociais; Xeografía e Historia; Ciencias da Natureza; Educación Plástica e Visual, Lingua Galega e Literatura; e Lingua Castelá e Literatura.
Para cada unha das modalidades anteditas establécense un primeiro premio de 4.500 €, un segundo premio de 3.500 euros, un terceiro premio de 3.000 € e nove cuartos premios de 1.000 euros.
Os mestres e mestres interesados en participar nesta convocatoria teñen de prazo un mes, contado a partir do día seguinte á súa publicación no DOGA, para presentar os seus formularios de solicitude debidamente cubertos.

PUBLICIDADE