ModNation Racers sairá tanto en PS3 coma en PSP

venres, 5 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Para mediados de maio agardábase o lanzamento para PlayStation 3 do xogo ModNation Racers, un título de carreiras de karts que permite competir en rede (aínda que tamén funcionará en modo de 1 xogador) e que destaca porque permitirá que os usuarios poidan construír os seus propios vehículos, personaxes e circuítos facendo uso das ferramentas integradas no xogo, para despois compartilos en rede; pero finalmente Sony sorprendeu ao anunciar que o xogo tamén estará dispoñible para PSP, de xeito que os xogadores que gocen deste produto ao máis puro estilo do Mario Kart xa non estarán atados á consola doméstica para poder xogar cos amigos ou pasar o tempo personalizado personaxes, karts e circuítos, o que tamén permitirá que o xogo teña unha vida longa apoiándose na súa comunidade de usuarios.
A versión de PSP de ModNation Racers conservará a mesma xogabilidade que a de PS3, coa única limitación do número máximo de competidores simultáneos (6), aínda que podemos destacar que poderá xogarse tanto a través da Internet coma en modo Ad Hoc.
Dá a impresión de que este xogo quere levar a filosofía de LittleBigPlanet aos xogos de carreiras, polo que resultará moi interesante ver a resposta do público, que podería recibir bastante ben o xogo (pese a que o mencionado xogo de Media Molecule tivo unha acollida bastante peor do agardado).


Vídeo de presentación da versión para PSP de ModNation Racers

PUBLICIDADE