Mobile Week Coruña porá o foco en conectar o progreso tecnolóxico-científico coa cidadanía

luns, 12 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

É Mobile Week Coruña o acontecemento tecnolóxico máis importante de cantos se teñen realizado en Galicia? Segundo nos conta Guillermo Taboada, director executivo do evento, a resposta á dita pregunta é claramente positiva. Non só polo programa conseguido (centos de relatores e de actividades, amais dunha manchea de emprazamentos diferentes para as conferencias e obradoiros, e unha longa listaxe de entidades convocadas), senón tamén pola fórmula innovadora posta en marcha, unha fórmula na que todos os ingredientes están dispostos buscando o obxectivo común de conectar coa cidadanía. En palabras de Taboada, estamos ante “un novo paradigma urbano-dixital” no noso panorama de eventos.

-Pódese dicir que o feito de acoller a Mobile Week é a constatación definitiva da Coruña como cidade tecnolóxica, dixital, moderna e argalleira (no sentido maker)?
-Sen dúbida, que o Mobile Week se realiza por vez primeira na Coruña, despois de dúas edicións de grande éxito en Barcelona, pono de manifesto. Por outra banda, recibir máis de 300 propostas de contido para o evento, di moito a favor da nosa terra.

-A quen vai dirixido exactamente este gran evento e as actividades que inclúe o seu programa? A quen xa está introducido plenamente na sociedade tecnolóxica e innovadora ou a quen está por introducir?
-É un evento dirixido á cidadanía que tenta levar unha reflexión de como a transformación dixital afecta á súas vidas. A filosofía do Mobile Week consiste en conectar o progreso tecnolóxico e científico coa sociedade, por isto pedimos a todas as institucións, empresas, asociacións e profesionais que nos axuden na difusión para chegar realmente a todas e todos.

-Na presentación da Mobile Week Coruña fíxose fincapé nun dos seus grandes obxectivos: mesturar arte, ciencia e tecnoloxía para “crear espazos de reflexión sobre a transformación dixital e o seu impacto na sociedade actual”. Cre vostede que no que se refire a estes cambios dixitais que nos afectan a todas e todos, o positivo prevalece sobre o negativo? Que facer para que o positivo se impoña e poidamos sacar o máximo proveito das tecnoloxías?
-Crear espazos de reflexión sobre algo tan importante como a transformación dixital é fundamental, xa que da mesma derívase información que pode axudar ás empresas e institucións a mellorar a amigabilidade da tecnoloxía, a formación que precisa e as mensaxes necesarias para que esta se vexa como unha oportunidade. As ferramentas dixitais abren un gran espazo de posibilidades para todos e isto é moi positivo, porque melloran claramente a nosa calidade de vida. Para este fin, é crucial explicar ben á sociedade en que consiste, como se emprega, que lle aporta e como sacarlle o máximo beneficio.
En canto ao que temos que facer para tirar o máximo proveito, está claro, eventos como o Mobile Week Coruña, con máis de 100 actividades e máis de 100 relatores, é un claro exemplo.

-Fálenos do programa de actividades. Cantas están previstas? Cales destacaría, se tivese que destacar algunha?
-Cando no mes de maio as empresas Interim Manager Consulting, Gens Digital Incorporate e o Club Financiero Atlántico de A Coruña comezamos a desenvolver o evento, a darlle forma, adquirimos tres compromisos: dixitalización na xestión, transparencia na información e unha axenda de contidos aberta a todas as sensibilidades do Eixe Atlántico. É este último o que desencadeou que a axenda de actividades fose tan ampla, xa que como indicaba antes, recibimos máis de 300 propostas de contido.
Todas as actividades son de destacar, e os relatores de primeiro nivel, polo tanto o meu consello é asistir ao meirande número delas se o que queremos é levar a cabo unha reflexión axeitada.

-Que oportunidades cre que abre a Mobile Week Coruña para a cidadanía, o sector investigador e o tecido empresarial da Coruña e a súa contorna? E para Galicia?
-O Mobile Week Coruña é o evento máis importante que se ten realizado en Galicia e supón un novo paradigma urbano-dixital que proporciona cousas como as seguintes, entre outras moitas: empoderar á cidadanía xerando un efecto bottom-up, crear unha ponte dixital entre o Eixo Atlántico e o Eixo Mediterráneo, transmitir unha mensaxe de unión A Coruña-Barcelona-O Porto nun momento de febleza europea, axudar a diminuír a fenda dixital, achegar un escaparate internacional para mostrar todo o talento da nosa terra, conseguir a colaboración de tres administracións públicas conformadas por tres partidos políticos diferentes (Concello A Coruña, Deputación A Coruña e Xunta de Galicia a través de AMTEGA) e implicar un equipo de dirección executiva con máis de 20 profesionais seniors e a participación de institucións como a Universidade da Coruña (UDC), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Círculo Financeiro de Galicia (CFG). Ademais, conseguimos o apoio privado de empresas relevantes como ABANCA (patrocinador principal), Estrella Galicia, Accenture Digital, Gadisa, Intasa e R Cable, entre outras.

-Por que motivo a organización do Mobile World Congress elixiu Coruña para a celebración desta semana de actividades?
-Cando no mes de maio o meu compañeiro Manuel Gens e eu empezamos as negociacións con Carlos Grau, CEO da Mobile World Capital, o primeiro que nos expuxeron é se A Coruña tería capacidade para a realización deste evento. Iso levounos a realizar un estudo pormenorizado e un plan de viabilidade para convencerlles de que si que era. A Coruña é o lugar onde ten a súa sede o Club Financeiro Atlántico, institución con máis de 25 anos de existencia, que conta con empresas moi relevantes dentro do tecido empresarial galego e que desde 2016, ano no que introduce no seu plan estratéxico a transformación dixital, realizou mancheas de eventos, conferencias e relatorios para explicar este vertixinoso fenómeno. Isto dotou ao Club dun know-how importante para o desenvolvemento deste tipo de eventos.
Asemade, tamén e certo que a cidade salienta por outras moitas cuestións, como por exemplo as que cito a continuación: a súa área metropolitana é das máis importantes en habitantes de Galicia, representa o 45,9% do Valor Engadido Bruto e o 20,5% do PIB de Galicia, dispón dunha rede de museos científicos (inaugurada no ano 1985 coa Casa das Ciencias) que mostra un gran interese en todo o que se refire á divulgación tecnolóxica e científica, conta co único museo do mundo adicado ao ser humano de maneira monográfica (a Domus), ten un museo nacional de ciencia e tecnoloxía, dispón dun ecosistema importante de empresas tecnolóxicas, e, ademais, está a desenvolver Coruña Smart City, o proxecto de Cidade Intelixente para ser máis eficiente, máis sustentable e máis accesible a través das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE