Móbil para o día do pai (ou non)

luns, 19 de marzo do 2007 Raquel Noya

Cámaras dixitais, móbiles, GPS, PDA, televisións de plasma, gravadores DVD, mans libres... todo é válido para agasallar ós nosos proxenitores no día da súa homenaxe. As novas tecnoloxías e as viaxes son algúns dos obsequios que moitos pais recibirán ó longo do día de hoxe, como demostración do amor desinteresado dos seus fillos e que substitúen ós tradicionais agasallos de sempre: camisas, panos de man, calcetíns ou garabatas (sen dúbida saíron gañando no troco). Un teléfono móbil que a moitos lles serviría para non ter que exprimir máis os miolos na procura da mellor alternativa sería o que se ve nesta foto, iso si: sempre e cando ó agasallado non lle importe empregar un dispositivo que (aínda que a simple vista non o pareza), o fabricante especifica como “destinado ó público feminino”.
A verdade é que a feitura non axuda nada (non é rosa, condición fundamental para ser declarado gadget feminino) pero segundo Philips, “é un teléfono feminino por conter unha serie de aplicacións especialmente adaptadas para elas como calendarios e organizadores” (non o dicimos nós, dío a casa fabricante: os homes non precisan situarse no tempo nin organizalo co que non precisan este móbil).
Trátase do teléfono Philips 598, e é un GSM tribanda con pantalla principal TFT de 1,8 polgadas, con 176x220 píxels de resolución, cámara CMOS de 1,3 megapixels e memoria interna de 128 MB ampliable ata 1GB con tarxetas microSD. Ademais, pesa 82 gramos, ten un grosor de 20 mm, porto USB e Bluetooth.
Un dispositivo que non nos arranxa a dor de cabeza de hoxe (a non ser que teñamos un pai fácil de convencer) pero dende logo, ideal para o vindeiro día da nai.

PUBLICIDADE