Mitele Plus estrea o fútbol con moitas queixas

luns, 19 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Con Mitele Plus abriuse un novo xeito de poder gozar de retransmisións de partidos de fútbol dun xeito legal e sen depender dun operador de telecomunicacións en concreto, pero agora que botou a andar a nova tempada da Liga de Fútbol Profesional demóstrase unha vez máis que as plataformas de vídeo en streaming teñen serios problemas coas grandes retransmisións en directo.
Os problemas de Mitele Plus son diversos, xa que por unha banda está a ausencia da súa aplicacións en boa parte dos Smart TV máis populares do mercado (o que prometen solucionar en poucos días), e por outra, as condicións das retransmisións, xa que parece que son moitos os usuarios que experimentaron problemas para conectarse aos partidos en directo, padeceron cortes (criticando que a experiencia era mellor con plataformas de streaming ilegais) e tamén tiveron que aturar un retardo moi grande nas retransmisións (aínda que a recepción debería de adiarse pouco máis de medio minuto, hai usuarios que comentan que chega aos 3 minutos).
Unha condición tamén moi criticada de Mitele Plus é que só é posible gozar dos partidos en alta definición (720p) en Smart TV, mentres que ao resto de dispositivos (navegadores e móbiles) a resolución baixa a 576p, o que está moi por debaixo da calidade á que o público está afeito actualmente.
Espérase que nas vindeiras semanas Mitele Plus chegue a Chromecast, Amazon Fire Stick TV, PlayStation 4, Android TV e televisores LG con webOS, polo que solucionaríanse boa parte das críticas ao servizo, quedando por comprobar se a dispoñibilidade do servizo mellora (mentres que detalles como o retardo resultan inevitables, polo que os usuarios que queiran evitar que os veciños radien os goles con antelación deberían optar por outras tecnoloxías de recepción).

PUBLICIDADE