Minecraft Dungeons supera os 10 millóns de xogadores

mércores, 10 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Ambientar un xogo de alxubes clásico no universo de Minecraft parece ser todo un acerto se atendemos ao feito de que Minecraft Dungeons veña de superar a barreira dos 10 millóns de xogadores dende o seu lanzamento o pasado mes de maio, tempo no que teríanse rexistrado 103 millóns de sesións multixogador en Xbox Game Pass, das que un 80% foron en cooperativo local, ratificando así a demanda de xogos que poidan gozarse en compañía.
Para celebrar este fito decidiron que todos os xogadores reciban o vindeiro 24 de febreiro unha nova capa e unha nova mascota, elementos que pasarán a incorporarse ao seu inventario como parte da actualización que sairá ese mesmo día.
O 24 de febreiro tamén verá a luz Flames of the Nether, un contido descargable que trasladará ao xogador ao corazón abrasador de Nether, onde estarán dispoñibles 6 novas misións e onde poderanse colleitar novos artefactos, armas e equipamentos, así como 2 novas skins e unha mascota Baby Ghast.
Aínda que Xbox Game Pass é a plataforma na que Minecraft Dungeons resulta máis accesible, este xogo está dispoñible para Nintendo Switch, PS4, Xbox One, Xbox Series S|X e PC, polo que chega á meirande parte de incondicionais de Minecraft.

PUBLICIDADE