Milleiros de sinaturas na Rede a prol da información en galego

venres, 1 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Amais de Sermos Galiza, unha iniciativa da que damos conta en Código Cero para salientar a súa aposta polo galego na prensa, temos que falar de máis reaccións na Rede contra a diminución da presenza da nosa lingua no panorama xornalístico do país, logo da desaparición esta semana da edición de Galicia Hoxe en papel. Entre estas reaccións semella ter especial pulo a que se está a producir na plataforma Os medios en galego importan, que xa recolleu na súa páxina 6.200 sinaturas para facer fronte común a un fenómeno, o do esvaecemento da prensa en galego, que semella non ter fin.
A iniciativa non se dirixe só a reivindicar a presenza da nosa lingua nos medios escritos, senón tamén no audiovisual, onde tamén albiscan un panorama moi negativo. “Malia as posibilidades que trouxera a creación da TDT”, infórmase dende a plataforma, “o certo é que o galego só se escoita en dúas de ao redor de 30 posibilidades: as canles da CRTVG, de titularidade pública e cuxo fin, xustamente, é espallar a lingua galega”. E proseguen: “Novas iniciativas propiamente galegas, ben desde o espazo local ben desde o espazo autonómico (como VTelevisión) só usan o galego de xeito ritual, igual que a TVE, que mantén 20 minutos diarios de información en galego”.
Polo que respecta á radio, a cousa tampouco está para botar bombas. De feito, afirman, “só a Galega e Radiofusión –canle que une as emisoras locais– manteñen vivo o galego como lingua de comunicación; noutras canles hai espazos determinados para a expresión galega, tanto nas canles públicas estatais coma en cadeas privadas”.
Porén, explican, é na Internet onde o galego colle máis pulo e onde, din, A Nosa Terra Diario e Galicia Hoxe conviven cunha manchea de medios semiprofesionais xeneralistas (Galicia Confidencial) con outros específicos (Código Cero).
O obxectivo da plataforma Os medios en galego importan é servir de canle de apoio da cidadanía galega que se sente orfa sen eses medios en galego. O primeiro paso para que no futuro novas iniciativas xurdan nos medios tradicionais e se asenten na internet e aspiren a ser propostas masivas é crear unha masa crítica que demande diante do poder público e incite a iniciativa privada a constituír novas propostas.

PUBLICIDADE