Mighty Nº 9 colle o relevo de Mega Man

martes, 21 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Keiji Inafune volve aos xogos tipo Mega Man a través do micromecenado

Cando hai preto de tres anos Keiji Inafune, o creador de Mega Man, saltou a Kickstarter para propor a creación dun xogo que conservase o espírito da franquía abandonada por Capcom moitos foron os entusiastas que apostaron por este proxecto que por fin ve os seus froitos, aínda que non estamos precisamente ante unha iniciativa exemplar, xa que non foron poucos os que sentíronse defraudados polo xeito de xestarse Mighty nº 9, tanto polo resultado que se ía conseguindo como polo feito de que acumulase máis dun ano de retraso.
Os mecenas do xogo están a recibir xa os códigos para poder descargalo (nas plataformas nas que está dispoñible, o que está a xerar moita confusión e provocar moitos incidentes), mentres que os que non apoiaran o proxecto no seu día tamén poden optar por pasar por caixa para adquirilo, estando dispoñible para a súa compra para PC en Steam e Xbox One a un prezo de 19,99 euros. A versión para Xbox 360 experimentou problemas que provocarán que tarde uns días en estar dispoñible, mentres que as versións para as consolas de Sony espérase que vexan a luz na vindeira actualización da PlayStation Store. O xogo tamén estreara versión descargable para Wii U o vindeiro venres e tamén pretende ver a luz para Nintendo 3DS.
No xogo tomaremos o rol de Beck, o 9º dunha serie de potentes robots, e o único inmune a un virus que provocou que as criaturas mecánicas do mundo toleasen, polo que haberá que correr, saltar, explotar e transformar o camiño a través de 12 niveis para ir reducindo aos outros robots que ameazan o planeta. A súa mecánica de xogo é a esperada para un xogo inspirado en Mega Man, un xogo de plataformas 2D de desprazamento lateral, no que hai que superar pequenas misións e desafíos, así como combater cos 8 robots irmáns do protagonista. Un título que poderá agradar aos incondicionais do xénero, aínda que moitos non estean conformes co resultado final.
ACTUALIZACIÓN: Sony confirmou que Mighty Nº9 non chegará a PS4, PS3 e PS Vita até o vindeiro venres.

As mecánicas de Mighty Nº 9 beben do clásico Mega Man

PUBLICIDADE