Microsoft presenta unha cámara avanzada para as súas pantallas interactivas

mércores, 16 de marzo do 2022 Marcus Fernández

A familia de equipos Surface Hub, composta principalmente por pantallas táctiles interactivas de grande formato para o traballo en grupo, está a recibir interesantes novidades para mellorar a colaboración en espazos de traballo híbridos entre as que destaca a Surface Hub 2 Smart Camera, unha webcam avanzada que tira proveito da intelixencia artificial para que as imaxes captadas polo seu sensor de 12 Mpíxeles e cun angular de 136 graos poidan verse sen distorsión de ángulo e lente á vez que a imaxe tamén muda o seu encadre automaticamente para amosar a todas as persoas que participen nunha xuntanza en liña.
Esta cámara promete captar coa mesma nitidez a persoas que estean preto (4 metros) ou lonxe (8 metros); é capaz de detectar a persoas en distintas posturas, condicións de luz e habitacións para asegurarse de que se recollen na imaxe; e tira proveito dunha capacidade de cálculo impresionante (1 Teraflop) para conseguir un resultado que supón todo un avance para as actividades de colaboración realizadas a través de, por exemplo, unha pantalla interactiva Surface Hub 2S.
a Surface Hub 2 Smart Camera acaba de saír á venda a un prezo oficial de 799,99 dólares e a partir do 31 de maio incluirase co Surface Hub 2s de 85 polgadas (que custará 21.999,99 dólares).

Vídeo de presentación da Surface Hub 2 Smart Camera

PUBLICIDADE