Microsoft presenta un rato sen fíos máis ecolóxico
xoves, 27 de marzo do 2008
A firma do magnate multimillonario Bill Gates semella estar un tanto preocupada polos efectos do cambio climático no planeta (ou, unha vez máis, polo volume da súa carteira) e vén de apostar por un rato recargable que reduce o consumo de batería a máis de un 80 por cento ó longo de tres anos de uso.
Este novo dispositivo presentado por Microsoft faise chamar o Wireless Laser Mouse 7000 e é un rato sen fíos recargable que completa a gama de ratos de sobremesa da compañía de Redmond.
A estación de carga horizontal inclúe unha base robusta e un indicador de estado da batería que lle permite ó usuario saber cando é o intre axeitado para recargalo. Asemade, o Wireless Laser Mouse 7000 achega un receptor de tamaño reducido e unha ergonomía pensada, segundo os seus creadores, “para o uso confortable durante horas”.
O dispositivo inclúe a tecnoloxía Microsoft Láser de Alta Definición que lle fai gañar en resposta, precisión e desprazamento ó punteiro, ademais de contar cunha ferramenta de Lupa e Tilt-wheel mediante a cal o usuario pode executar calquera comando con só mover a roda central e premer un botón.
O Laser Mouse 7000 tamén conta con “conexión intelixente co software”, polo que tan só premendo unha vez na roda, os usuarios poden acceder directamente a Windows Vista Flip 3D, para desprazarse “de xeito cómodo” entre as fiestras abertas e mudar de aplicacións rapidamente.
O prezo deste dispositivo é de 65,90 euros.