Microsoft presenta un mando para persoas con diversidade funcional

venres, 18 de maio do 2018 Marcus Fernández

A tecnoloxía pode empregarse para superar barreiras, e dende Microsoft presentaron esta semana unha solución que agradecerán moitos xogadores de Xbox One e Windows 10 de todo o mundo, xa que facilitaralles poder gozar do lecer electrónico como fan outras persoas empregando un novo mando adaptable ás súas diversidades funcionais.
O Xbox Adaptive Controller é un mando deseñado a través dun punto de vista inclusivo, tendo en consideración a xogadores que non poden suxeitar un gamepad tradicional ou que non poden premer nalgúns dos seus botóns, para que poidan gozar dos videoxogos pese ás súas limitacións de mobilidade. Temos así un dispositivo con botóns programables de grande tamaño que pode conectarse a conmutadores, botóns, soportes e joysticks externos (á venda por separado) que fan que os xogos sexan máis accesibles. Estes accesorios adicionais chegan de distintos fabricantes e inclúen dende grandes botóns até pedais, pasando por joysticks que poden manexarse coa boca ou cunha perna, de xeito que cada persoa pode organizar o controlador de xogo que se adapte ás súas características físicas.
Este dispositivo tamén goza de certo elemento social, xa que paralelamente pode completarse cun mando de Xbox One operando a xeito de copiloto, convertendo o xogo nunha experiencia cooperativa. Ábrese así todo un mundo de posibilidades para as persoas con diversidade funcional, que non teñen por que dicir adeus a gozar con videoxogos grazas a solucións como esta.
O Xbox Adaptive Controller terá un prezo de 99,99 dólares (o prezo en euros aínda non se fixo público) e para que vaiamos facéndonos unha idea das súas posibilidades Microsoft publicou unha completa reportaxe sobre este grande avance na accesibilidade dos videoxogos.

Vídeo promocional do Xbox Adaptive Controller

Explicación do funcionamento do Xbox Adaptive Controller

PUBLICIDADE