Microsoft presenta os seus novos dispositivos con Windows 10

martes, 6 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft celebrou esta tarde na cidade de New York unha importante presentación na que deron conta do inicio dunha “nova era de dispositivos con Windows 10 de Microsoft”, co que a compañía de Redmond non busca competir cos fabricantes de hardware, senón amosar as posibilidades que abre o seu software e ilustrar sobre os conceptos de deseño de hardware que consideran que se deben seguir, e que nos últimos anos demostraron que eran todo un acerto.
Windows 10 era así o corazón de todo o presentado hoxe, xa que este sistema operativo instalado en máis de 110 millóns de dispositivos aínda vai dar moito de si nos vindeiros meses xa que, por exemplo, antes do Nadal vai chegar á consola Xbox One, o que abrirá numerosas posibilidades á consola de Microsoft. A nivel de software as novidades tampouco serán pequenas, e Microsoft aproveitou a súa posta en escena para anunciar que Facebook está a traballar en aplicacións universais para Windows de Facebook, Instagram e Facebook Messenger, o que supón un importante pulo ao ecosistema de Microsoft.
Precisamente as aplicacións universais son un dos piares do novo sistema operativo, e non só supoñen a adopción dunha interface que pode adaptarse a numerosos dispositivos, senón que tamén axudarán á adopción de smartphones con Windows grazas á nova funcionalidade Continuum (que permite empregar o smartphone coma se fose un ordenador case completo ao conectalo a unha pantalla externa).
Temos así que Microsoft amosou tanto os seus moi rumoreados smartphones da familia Lumia, como unha nova xeración de Surface Pro, que chegou cunha agradable sorpresa, xa que á tableta de Microsoft saíulle un irmán, o ordenador portátil Surface Book, que entre os dous forman o que sería o arquetipo dos equipos de moitos fabricantes que veremos nos vindeiros meses (de feito, xa hai confirmados eventos de Acer, ASUS, Dell, HP, Lenovo e outros fabricantes para anunciar equipos con Windows 10 no que resta de mes).
Para completar a presentación tamén se dou conta da nova Microsoft Band 2, unha simple revisión da pulseira de actividade de Microsoft (che chegará aos EE.UU. o 30 de outubro a un prezo de 249,99 dólares); e da versión para desenvolvedores de HoloLens, xa que no primeiro trimestre 2016 Microsoft distribuirá kits de desenvolvemento da súa solución holográfica baseada en lentes de realidade aumentada estereoscópica que prometen ser toda unha revolución (aínda que limitará súa distribución a EE.UU. e Canadá ao prohibitivo prezo de 3.000 dólares por dispositivo).

As HoloLens abren todo un abano de posibilidades ao mesturar realidade aumentada con visión estereoscópica
Satya Nadella dixo hoxe que só estamos ante o principio de moitos dispositivos con Windows 10, salientando que a súa compañía está a centrarse no usuario pois é o único que se mantén constante no tempo mentres "os dispositivos van e veñen".

PUBLICIDADE