Microsoft podería ofrecer una versión gratuíta de Office

xoves, 12 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Malia o significativo nivel de ventas que a suite de Microsoft Office ou a súa alternativa Works teñen acadado, o departamento de Marketing da empresa considera que aínda existe un gran número de xente que queda fóra do devandito mercado, tal e como vén de anunciar o seu vicepresidente corporativo, Chris Capossela, durante un dos relatorios da Microsoft Worldwide Partner Conference levado a cabo esta semana na cidade de Denver, e publicada por cnet.
Para tentar captar unha maior cantidade de consumidores, a empresa leva xa dous anos procurando novos xeitos de ampliar o numero de usuarios deste paquete produtivo e entre as estratexias que manexa a firma (expostas durante esta semana), mencionáronse dende a creación dunha tarxeta prepago para o uso temporal do soft, até a posibilidade dunha versión gratuíta sustentada pola publicidade.
Sen embargo, a clave desta idea estaría segundo Capossla nunha estratexia de “service plus” en liña, é dicir, que se poderían ofrecer dende a Rede unha serie de funcións adicionais. Segundo a súa descrición, funcionarían de xeito semellante ás funcións que xa permiten Outlook e Exchange, programas que, malia seren manexados de xeito máis completo dende un ordenador, permiten un acceso remoto sincronizado para consultar citas ou mensaxes.
Office de balde con anuncios publicitarios ou Office “lite”?
Outra das propostas que se barallan con certa forza é a de ofrecer unha versión do soft gratuíta pero con inserción publicitaria. Segundo explicaron no seu intre os representantes da firma, as ganancias xeradas pola venda de versións preinstaladas deste programa nos novos equipos que son vendidos no son significativas. Unha inserción publicitaria podería ofrecer unha remuneración máis importante á vez que se captan novos usuarios, malia que o problema da iniciativa –e da que son conscientes os seus propulsores- reside no impacto negativo que podería ter nos usuarios a presenza de anuncios nunha superficie de traballo como por exemplo a da planilla de Excel. Só por isto, moitos usuarios poderían optar por outra opción que non afecte a súa atención.
Por outra banda, a posibilidade de ofrecer unha versión “lite” do programa en liña cobra máis forza, aínda que se seguirá a depender da versión completa para poder empregar as funcións mais complexas do paquete. A dúbida xorde neste punto: onde poderá estar esta fronteira, algo do que non se deron detalles.
“Estratexia gañadora” fronte ás propostas de Google ou a de Open Office
Contrariamente ó que podería crerse, trala aparición do Open Office o do paquete produtivo creado por Google -os dous gratuítos-, as ventas de Office seguen a medrar significativamente. Durante o último trimestre, os ingresos do departamento da división Business da firma chegaron ós 4.8 billóns de dólares, un 30% máis ca no mesmo período do ano pasado. Porén, a maior preocupación dos executivos de vendas pasa por popularizar a última versión do programa en cuestión a todos aqueles que aínda usan versións anteriores, especialmente no mercado europeo e norteamericano.
Ó ser cuestionado sobre o xurdimento destes novos competidores, Capossela asegurou que a diferenza de Google a resposta de Microsoft integra servidores, servizos e clientes, e esa e a verdadeira “estratexia gañadora” neste eido empresarial.

PUBLICIDADE