Microsoft permitirá acceder de xeito doado ás fotografías que teñamos no móbil

mércores, 1 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A versión preliminar da vindeira grande actualización de Windows 10 incorpora unha interesante novidade, que semella un xeito de ir máis aló da aplicación Photos Companion estreada en febreiro, ao facilitar o acceso ás fotografías do noso smartphone dende o PC dun xeito natural, no que incluso poderemos arrastrar e soltar as nosas instantáneas a documentos ofimáticos.
Nas vindeiras semanas distribuirán a aplicación Your Phone para Android 7.0, que unha vez configurada no teléfono permitirá que os usuarios conten no seu ordenador cun atallo para acceder aos contidos do teléfono.
Esta novidade está englobada dentro de toda unha serie de funcionalidades que Microsoft está a desenvolver para facilitar a conexión entre o teléfono e o ordenador, de xeito que os usuarios poderán acceder a mensaxes de texto, fotografías e notificacións do móbil cando están diante do escritorio informático, así como doutros funcións que teñen especial interese para usuarios corporativos, xa que facilitarán a mellora da súa produtividade.

PUBLICIDADE