Microsoft oferta a tableta HP Stream 7 a só 99 euros

venres, 26 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft iniciou forte a campaña de Nadal en España a tableta HP Stream 7 na súa edición Signature (libre do molesto software preinstalado co que veñen moitos equipos novos) a un prezo de só 129 euros, o que era de por si unha magnífica promoción para unha tableta capaz de correr Windows 8.1 e que incluía 1 ano de subscrición a Office 365 e tres meses do servizo Wuaki Selection, pero agora que estamos na recta final para a Noite de Reis suben as apostas e a compañía de Redmond oferta este dispositivo a un prezo de só 99 euros.
Esta tableta ideal para a reprodución multimedia e o uso de software ofimático é así unha auténtica ganga, xa que a subscrición anual a Office 365 ten un valor de 69 euros (e, aparte das aplicacións ofimáticas de Microsoft tamén inclúe 1 Tb de almacenamento en OneDrive), mentres que Wuaki Selection ten un prezo mensual de 6,99 euros, e sumando ambos importes temos que a tableta tería un custo duns 16 euros. O dispositivo é compatible con Miracast, de xeito que tamén resulta doado proxectar a súa pantalla sen fíos nun televisor conectado que soporte esta tecnoloxía (o que pode resultar de grande utilidade para, por exemplo, ver os contidos multimedia a pantalla grande).
A HP Stream 7 funciona cun procesador Intel Atom Z3735G de 4 núcleos a 1,33 GHz, 1 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno ampliable mediante microSD, pantalla IPS de 7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, micro USB 2.0, cámaras de 2 e 0,3 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth, batería de 3.000 mAh (cunha autonomía dunhas 8 horas), un grosor de 9,90 milímetros e un peso de 353,8 gramos. Opera con Windows 8.1 e pode ser unha solución moi axeitada para o que queira gozar dunha tableta para consumir contidos, pero queira tamén poder realizar tarefas propias dun ordenador persoal completo en momentos puntuais.

PUBLICIDADE