Microsoft estrea pulseira deportiva e plataforma para rexistrar a nosa actividade física

xoves, 30 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Levamos meses escoitando falar da posibilidade de que Microsoft lanzase ao mercado un smartwatch, rumor que foi transformando o produto nunha pulseira de actividade avanzada que finalmente ve a luz para acompañar ao lanzamento da plataforma Microsoft Health, coa que a compañía de Redmond quere facer doado realizar un seguimento da nosa actividade diaria e da práctica deportiva.
Microsoft Health rexistra datos sobre pasos, calorías, ritmo cardíaco e outros datos rexistrados por distintos dispositivos e servizos de actividade física que neste momento xa é compatible con UP by Jawbone, MapMyFitness, MyFitnessPal e RunKeeper, e que continuará ampliando a lista de servizos e trebellos compatible no futuro.

A aplicación móbiles de Microsoft Health está dispoñible para iOS, Android e Wndows Phone

Neste momento Microsoft Health xa conta coa súa aplicación oficial para iPhone, para Andorid, para Windows Phone e incluso para OS X, deixando claro que Microsoft quere chegar ao meirande número de usuarios posible con esta plataforma que non están pensada só para deportistas, senón que tamén busca ser de utilidade para o día a día de persoas menos activas (servindo tamén como incentivo para incrementar a actividade física).
A información recollida mediante este servizo pode axudar a saber os exercicios que consumen máis calorías durante os nosos adestramentos, suxire tempos de recuperación baseados na intensidade dos adestramentos, mide os tempos de descanso efectivo durante o sono, permite coñecer a relación entre o noso desempeño físico e o horario laboral, axuda a coñecer os almorzos que nos axudan a correr máis rápido ou incluso facilítanos saber o impacto do traballo no descanso nocturno.
Para apoiar o lanzamento desta plataforma preséntase hoxe tamén a Microsoft Band, a agardada pulseira conectada de Microsoft, que está pensada para levar todo o día, e que mediante 10 sensores rexistra o ritmo cardíaco, as calorías queimadas, a calidade do soño e outros valores, servindo tamén como monitor de notificacións, de xeito que avisa de chamadas de teléfono, correos electrónicos, mensaxes de texto e actualizacións das nosas redes sociais, permitindo tamén acceder ao asistente de voz Cortana se contamos cun smartphone con Windows Phone (aínda que cómpre destacar que o trebello tamén é compatible con iOS e Android). Este produto sae inicialmente nos EE.UU. a un prezo de 199,99 dólares (158,88 euros) en tres tamaños.

Os usuarios de Windows Phone poden empregar a Microsoft Band para comunicarse con Cortana

Entre as prestacións da Microsoft Band podemos comentar tamén que conta con GPS integrado (para poder rexistrar os nosos percorridos sen ter que cargar co noso smartphone), inclúe monitor de raios ultravioleta (para axudarnos a saber se temos que botar máis protector solar), a súa pantalla capacitiva de 1,4 polgadas ten unha resolución de 320 x 106 píxeles e un brillo considerable (para facilitar a súa lectura en exteriores), a súa batería pode cargarse en menos de hora e media e dura 48 horas cun uso normal, comunícase co móbil a través de Bluetooth 4.0 (co perfil de baixo consumo), e resistente á auga e ao po e para recargar a súa batería conta cun conector magnético.


Vídeo promocional da Microsoft Band

PUBLICIDADE