Microsoft adianta novidades que introducirá a vindeira grande actualización de Windows 10

xoves, 11 de maio do 2017 Marcus Fernández

Microsoft continua a presentar novidade na conferencia para desenvolvedores Build 2017, e na súa segunda xornada aproveitaron para adiantar detalles da actualización de Windows 10 que chegará no outono e que coñecerase como Fall Creators Update, para deixar claro que continuará na mesma liña da actualización que recibimos hai poucas semanas. O sistema operativo contará cun novo deseño, facilitará que as experiencias creativas acompañen ao usuario a través de Windows, iOS e Android, contará con aplicacións na tenda de Windows tan significativas como o iTunes de Apple e estreará un sistema de control por movemento para a realidade mixta que non precisará de marcadores para funcionar.
Con Microsoft Fluent Design System ofrecerase unha nova experiencia fluída entre dispositivos, axudando aos desenvolvedores que creen aplicacións máis atractivas que funcionan nunha grande variedade de dispositivos. Tamén contaremos con interesantes novidades como gozar dun portapapeis entre os distintos dispositivos (ou sexa, que poderemos copiar no escritorio e pegar no teléfono) e o sistema de almacenamento na nube de Microsoft (OneDrive) estreará funcionalidade Files on Demand (de xeito que permitirá o acceso aos ficheiros na nube sen descargalos e utilizar o espazo no dispositivo).
Nos últimos anos tamén desapareceu de Windows o seu editor de películas (Windows Movie Maker) e na vindeira actualización volverá como unha ferramenta moi diferente: Windows Story Remix. Trátase dunha aplicación que facilitará a creación de historias nas que non só poderemos introducir fotografías e vídeos, senón que tamén poderá facerse uso da realidade mixta engadindo obxectos 3D ou facendo uso de Windows Ink, ou sexa, que teremos un editor de vídeo revolucionario que achegará un novo xeito de contar historias.

Vídeo no que adiantan as funcionalidades de Windows Story Remix

PUBLICIDADE