Microsoft adianta moitas das novidades coas que contará Windows 10

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

O cambio de relevo na dirección de Microsoft para pasar a compañía a estar encabezada por Satya Nadella, así como o acerto nas modificacións que foron introducindo en Windows 8.1 foron marcando un cambio de rumbo que materializarase en Windows 10, sistema operativo do que onte deron moitos detalles nun evento que puido seguirse internacionalmente a través de streaming.
O principal cambio de Windows 10 é que finalmente consolídase o sistema operativo como unha solución multi-plataforma, que chegará a equipos con pantallas grandes e incluso a dispositivos sen pantalla, conseguindo crear unha experiencia continua, segura, innovadora e actualizada, da que esperan unha adopción masiva, en boa medida porque durante o primeiro ano será de balde a actualización dende Windows 7, 8 e 8.1, Windows Phone 8 e 8.1.
Na presentación debulláronse numerosas novidades que viñan a rumorearse nos últimos meses, e que por fin confírmanse:
- O asistente persoal Cortana, dispoñible polo momento en smartphones con Windows Phone 8.1 (e que hai pouco estreou soporte de español) dará o salto a ordenadores persoais e tabletas, facilitando o acceso á información, achegando recomendacións e incluso contando con funcións avanzadas para xestionar a privacidade.
- Para navegar pola web Windows 10 contará cun novo navegador web que se coñece polo momento como Project Spartan, desenvolvido dende cero (desfacéndose así do lastre que arrastrou Internet Explorer durante anos), que destacará por incluír soporte para realizar anotacións mediante teclado ou lapis directamente en páxinas web, contar cun modo de lectura sen distraccións, gardar artigos para a súa lectura sen conexión e integración con Cortana para realizar buscas e realizar tarefas en liñas dun xeito máis rápido.
- Os xogos tamén terán o seu espazo, e Xbox LIVE e a nova aplicación de Xbox achegarán novas experiencias a Windows 10. Deste xeito, tanto na Xbox One como nun ordenador con Windows 10 poderemos acceder ao servizo de xogos Xbox LIVE. Os xogadores poderán capturar, editar e compartir os seus mellores momentos no xogo con Game DVR e descubrir novos xogos con amigos en distintos dispositivos. Os xogos tamén poderán gozar da nova interface de programación DirectX 12, será posible facer streaming de xogos da Xbox One ao PC e incluso será posible intercambiar moitos accesorios entre a Xbox One e o ordenador.
- Por fin materializarase a nova versión de Microsoft Office adaptada a dispositivos táctiles con Windows, o que supuxo un importante redeseño da súa interface.
- Para facilitar o uso en dispositivos que poden operar con teclado e rato e en modo táctil, Windows 10 contará cun modo continuo que fará que o sistema presente unha interface tradicional se detecta teclado e rato e unha interface táctil en caso contrario.
- Numerosas aplicacións do sistema como as de fotografías, vídeos, música, mapas, contactos, correo electrónico, correo e calendario pasan a ser universais e a estar sincronizadas mediante OneDrive, de xeito que as tarefas que se inicien nun dispositivo poderán continuarse noutro.

Microsoft HoloLens

Unha das grandes sorpresas da presentación de onte foi que Microsoft non se conformou con achegarse a sistemas de lentes de realidade virtual como as Oculus Rift, senón que quixo ir un paso máis adiante con Microsoft HoloLens, unha solución de hardware e software que buscará crear unha realidade aumentada tridimensional, de xeito que levando os lentes especiais con esta tecnoloxía poderase interactuar con hologramas que só pode ver o usuario, no que máis dun compararía coa experiencia que podiamos ver na película Minority Report.
Esta solución holográfica non só presenta imaxes en alta definición, senón que tamén conta con son espacial, para facer a experiencia aínda máis realista, e curiosamente esta tecnoloxía poderá executarse sen cables e con independencia de smartphones e ordenadores. A interacción realizarase mediante a mirada, os xestos e a voz.

Microsoft Surface Hub

E para a empresa tamén presentaron unha interesante ferramenta, o novo Microsoft Surface Hub, que vén a ser unha pantalla de 55 ou 84 polgadas que funciona a xeito de encerado dixital, pero integrando tamén Windows 10, Skype for Business e Office 365, de xeito que pode facilitar a colaboración en grupo e a realización de multi-conferencias. Os equipos integran un par de cámaras para facilitar que os usuarios remotos poidan establecer contacto visual cos seus interlocutores, inclúe numerosos micrófonos para unha boa captación da voz, pode manexarse cun lapis que pode colocarse nun lateral para recargar a súa batería interna e poderán empregarse tanto sobre un soporte como pendurados na parede.


Joe Belfiore explica algunhas das novidades que incluirá Windows 10