Micro Drone 3.0: un pequeno trebello voador que pode transmitir vídeo en directo a través da Internet

martes, 16 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A compañía británica Extreme Fliers, encabezada por Vernon Kerswell, leva varios anos comercializando pequenos drons de xoguete, que foron evolucionando até chegar a un momento no que poden innovar e destacar nun mercado saturado, para o que decidiron recorrer ao micromecenado, polo que a súa terceira xeración de drons de reducidas dimensións opta por lanzarse a través dunha campaña de micromecenado en IndieGoGo que facilitará que o Micro Drone 3.0 poida converterse en realidade no vindeiro mes de novembro.
Este novo produto sería un dos drons máis pequenos, manobrables e personalizables do mercado que integre unha cámara de alta definición que conseguirá unha imaxe moito máis estable grazas á combinación de sensores de movemento que permiten que o Micro Drone 3.0 teña uns movementos precisos e un sofisticado micro gimball, que sería o máis pequeno do mercado e permitiría que a cámara mantivese a estabilidade mentres o dron se despraza.
O Micro Drone 3.0 ten sistemas de nivelación automática para que o usuario poida manexalo de xeito doado (evitando unha longa curva de aprendizaxe), é capaz de voar invertido, pode voar incluso con ventos de 72 quilómetros/hora, ten un deseño modular, a súa cámara grava vídeo a 1.280 x 720 píxeles a 30 cadros por segundo, comunícase por Wi-Fi con móbiles para facilitar a captura de imaxes e a gravación de vídeo, é compatible con solucións de baixo custo de realidade virtual como o cartón de Google (comercialízase cun clon do mesmo) para permitir simular voos en primeira persoa e, como elemento máis salientable, está pensado para un uso social, xa que será compatible con servizos de streaming de vídeo en directo como Meerkat, o que permitiría que as súas imaxes puidesen compartirse co mundo en tempo real a través destas novas plataformas que están a coller bastante pulo nos smartphones.
No que se refire a aplicacións móbiles (para Android e iOS) non só facilitará o control remoto do dron, senón tamén a realización dos mencionados streamings e a edición das imaxes e do vídeo capturado (para recortar imaxes, corrixir a cor, estabilizar o vídeo, realizar capturas de fotografías panorámicas...). Estaríamos así ante un produto de 145 x 55 x 50 milímetros e 71 gramos de peso, cunha autonomía de até 8 minutos, que conseguiría achegar prestacións realmente avanzadas para un trebello de iniciación que neste momento pode conseguirse por 125 dólares (129 euros cos gastos de envío incluídos), prezo que facilitou que a campaña de micromecenado se completase con éxito en poucas horas.


Vídeo de presentación do Micro Drone 3.0

PUBLICIDADE