Metal Gear Solid V terá unha edición definitiva en outubro

mércores, 31 de agosto do 2016 Marcus Fernández

O desenvolvemento do xogo Metal Gear Solid V foi bastante complexo, o que levou a que o xogo se dividise en dúas entregas, Ground Zeroes, pensada simplemente para calmar os ánimos dos afeccionados inquedos, e que podería considerarse como un adianto ou prólogo do xogo final, e The Phantom Pain, considerado o xogo real. Para facilitar agora a compra desta aventura, Konami anuncia que para o vindeiro 13 de outubro porá á venda para PC, Xbox One e PlayStation 4 Metal Gear Solid V: The Definitive Experiencie, que incluirá os dous xogos mencionados e todo o seu contido descargable, ou sexa, o equivalente ás habituais edicións Xogo do Ano, confirmándose polo momento que as edicións para consola terán un prezo de 39,99 euros.
Iso si, esta edición non sairá carente de polémicas, pois hai moitos que consideran que The Phantom Pain non é un xogo rematado, senón que o conflito de Konami con Hideo Kojima levaría a que carecese de moito contido do que amosaron unha parte en vídeo como extra na edición para coleccionistas, a coñecida como Misión 51, que serviría para pechar a historia, pero que curiosamente este material non aparecerá na experiencia definitiva, o que non deixa de ser un tanto rechamante, xa que este contido adicional enriquecía realmente a historia, amosando cando menos certo traballo previsto inicialmente pero que non chegou a completarse por problemas de orzamento e axenda.
Dende Konami deféndense das críticas dos seareiros da saga dicindo que o produto final é o que saíu á venda no seu día, e que os contidos que se cancelaron durante o seu desenvolvemento (que foron bastantes) non son oficiais, polo que non aceptan as protestas de que esta edición recompilatoria estea incompleta.

PUBLICIDADE