Metal Gear Rising: Revengeance incluirá unha lampa de lava na súa edición para coleccionistas

venres, 28 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O 19 de febreiro chegará o trepidante Metal Gear Rising: Revengeance, título que está a ser desenvolvido pola xente de Platinum Games, e que vai contar cunha edición especial que pretende ser especialmente rechamante, xa que incluirá un disco coa banda sonora do xogo, un empaquetado especial e unha impresionante lampa de lava que imita á espada de Raiden, o personaxe protagonista do xogo, convertendo a esta edición nunha auténtica xoia para os coleccionistas, e da que polo momento non se coñece o prezo de venda.
Aparte desta curiosidade, quen queira coñecer máis detalles deste título poden acudir ao blog oficial de PlayStation, onde publican unha entrevista con 3 membros do equipo de desenvolvemento do xogo (Kenji Saito, Yuji Korekado e Atshushi Inaba) que comentan detalles do proceso de creación do xogo, detallan a nova filosofía á hora de enfrontarse aos xefes, as mecánicas de xogo e moitos outros detalles.
Aínda que este xogo fuxirá das mecánicas de infiltración dos títulos dentro da saga Metal Gear Solid, non parece que vaia pasar desapercibido, e quere gañarse un lugar de seu nas coleccións de videoxogos.


Avance de Metal Gear Rising: Revengeance estreado no Tokyo Game Show

PUBLICIDADE