Meta despide máis de 11.000 traballadores

mércores, 9 de novembro do 2022 Marcus Fernández

As empresas tecnolóxicas están a padecer a conxuntura económica global en maior ou menor medida, de xeito que os xigantes da Internet non poden permanecer impasibles ante a incerteza, e tras o despedimento de 3.700 traballadores de Twitter chega agora o anuncio de que Meta prescindirá de preto do 13% do seu cadro de persoal, superando os 11 mil despedimentos.
Estamos ante o momento máis complicado na historia da compañía de Mark Zuckerberg, quen recoñece a súa responsabilidade nesta situación, que considera que é consecuencia de malas previsións nos últimos dous anos, pois non foron capaces de anticipar que o forte crecemento do sector tecnolóxico provocado pola pandemia e os confinamentos non se sostería no tempo.
Meta disparou os seus investimentos durante a pandemia, e agora que a economía non está nunha etapa alcista, teñen que afrontar as consecuencias da redución de ingresos, mellorando a súa eficiencia e reducindo a súa escala, polo que reducirán os seus custos en todas as súas divisións, afectando dende o espazo ocupado polas súas oficinas (chegando incluso a que os traballadores que pasen a meirande parte da súa xornada fóra da oficina teñan que compartir escritorio) até ao número de traballadores.

PUBLICIDADE