Meta anuncia un plan de pagamento para a verificación de contas

luns, 20 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg anunciou o inicio das probas dun novo servizo chamado Meta Verified, que facilitará a verificación de contas de Instagram e Facebook, non só amosando un selo de verificado nas contas que se subscriban (tras a comprobación da identidade mediante un documento oficial), senón que tamén inclúe unha maior protección contra a suplantación de identidade, ofrece soporte con persoas reais, mellora a visibilidade e poderá incluír características exclusivas.
Podemos entender que esta iniciativa segue os pasos de Twitter Blue, pero nesta ocasión queda bastante claro que o servizo non ten a vocación de conseguir un volume de subscritores moi elevado, senón que está máis dirixido aos creadores de contido profesionais.
Esta subscrición botará a andar en Australia e Nova Zelandia esta mesma semana a un prezo de 11,99 dólares/mes de contratarse vía web ou de 14,99 dólares/mes de facelo a través da aplicación de iOS ou Android.
De resultar positivas as probas deste sistema de verificación, abrirase a máis mercados e podería chegar tamén a empresas, aínda que non deixa de ser rechamante que Meta pretenda cobrar por ofrecer un soporte técnico efectivo, o que debería ser a súa obriga, e que nos últimos anos demostrou facer rematadamente mal, facilitando o roubo de contas e deixando aos usuarios indefensos en moitas situacións ao resultarlles imposible contactar cun ser humano que poida solucionar problemas como a suspensión dunha conta de xeito inxusto por parte dun sistema automatizado.