Meta anuncia o casco Quest Pro
martes, 11 de outubro do 2022
Hoxe tivo lugar o evento Meta
Connect 2022, no que dan cita aos desenvolvedores de tecnoloxía de Meta,
moi concretamente as relativas á realidade virtual que sentarán as bases do
metaverso. Este evento celébrase nun momento no que o casco Meta Quest 2 está a
ser un éxito rotundo, polo que a situación era propicia para a presentación de
Meta Quest Pro, o casto de realidade virtual máis avanzado de Meta, que nace
coa intención de empregarse para traballar, crear e colaborar, en vez de ter usos
lúdicos como acontece con Quest 2.
O casco Meta Quest Pro chegará
a partir do 25 de outubro a un prezo base de 1.799,99 euros, que pode
incrementarse con accesorios como un bloqueador de luz completo (que custa
49,99 euros), uns auriculares (49,99 euros), unha base de carga compacta pensada para usar o casco en mobilidade (99,99
euros) ou un cable de Link de fibra óptica para usar o casco con equipos informáticos (99,99 euros).
O novo casco é unha evolución de Quest 2, cun formato máis compacto e un cambio
moi importante nas súas cámaras externas, que multiplican a súa resolución por
4 e procesan as imaxes en cor, de xeito que o sistema non serve só para a realidade
virtual, senón que tamén poden crear experiencias de realidade mixta,
facilitando así que gocemos das posibilidades dos mundos virtuais podendo
interactuar co mundo real sen ter que quitar o casco.
Meta Quest Pro integra sensores internos para capturar as expresións faciais e
fan seguimento dos ollos, o que permitirá que os avatares que nos representen
no mundo virtual poidan reflectir as nosas expresións, mellorando así a nosa
presenza social.
Vídeo promocional de Meta Quest Pro
Colaboración con Microsoft
Pero unha das grandes sorpresas da presentación de hoxe foi o anuncio dun acordo de colaboración con Microsoft, de xeito que Meta Quest Pro poderá converterse nunha importante ferramenta de traballo. De feito, Microsoft tamén tirará proveito das Quest 2, chegando así a un grande número de usuarios para o lanzamento dunha versión de Mesh para Microsoft Teams (que facilitará a colaboración), permitirá o uso das aplicacións de Microsoft 365 (prevendo que no futuro tamén ofrecerá Windows 365 para os dispositivos Meta Quest) e, como novidade máis rechamante, incluirán a aplicación de Xbox Cloud Gaming na Meta Quest Store, de xeito que os xogadores da plataforma na nube de Xbox poderán gozar dos seus xogos a través dos cascos de realidade virtual para facer de pantalla xigante mentres teñan entre mans un mando de Xbox.
- Xbox Cloud Gaming será compatible con Meta Quest 2 e Meta Quest Pro