Melide alcanza os 11.800 inmóbeis con fibra óptica de R
mércores, 17 de abril do 2024
A operadora galega R fixo balance dos seus fitos recentes en materia de telecomunicacións avanzadas en Melide. Segundo fixo saber, o concello coruñés xa dispón de cobertura de fibra óptica ata o fogar (FTTH) en preto de 11.800 fogares e empresas* que, en palabras da operadora, “poden gozar dende este momento dos servizos máis avanzados de telecomunicacións coa tecnoloxía máis rápida do mercado”.
No balance indícase tamén que esta cifra de inmóbeis conectados á rede de R incrementouse en datas recentes en Melide e noutros concellos do territorio grazas ao acordo coa grosista tamén galega de fibra óptica Rede Aberta. Froito desta alianza máis de 1.400 fogares e empresas dos núcleos melidenses do Barreiro, Melide e Vitiriz sumáronse á infraestrutura de R, co que a poboación destas zonas tamén disporá de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 10 GB simétricos (subida e baixada), dunha cobertura óptima nos fogares (pois a fibra chega ata as súas vivendas) e dunha maior capacidade de navegación con varios dispositivos á vez. “Todo iso unido aos servizos de Wi-Fi 6 e TV con decodificador Android 4K sen custo adicional”, apunta R, explicando que se dotou aos fogares do territorio melidense da última tecnoloxía baseada no estándar XGS-PON, “preparada para o futuro, idónea para simultanear tarefas de teletraballo, teleformación, videochamadas, streaming ou gaming, entre outras posibilidades”. Trátase, engade R, dun sistema que habilita eses accesos megarrápidos con catro veces máis capacidade de descarga do que a tecnoloxía actual e ata oito veces máis capacidade de suba.
O acordo de R con Rede Aberta permitirá cubrir aproximadamente 450.000 inmóbeis e levar a alta velocidade coa fibra máis rápida a máis recantos de Galicia en núcleos rurais duns 170 municipios do territorio.
Banda larga para todos os recunchos da nosa terra
A intención da operadora é “ampliar ao máximo a cobertura de banda larga en Galicia en todos os recunchos da nosa comunidade”. De feito, R e Rede Aberta comprometéronse a acadar que as aldeas do rural galego gocen dos servizos de R tal e como o fan as capitais de provincia do territorio: un paso máis na redución da fenda dixital entre os dous ámbitos.
Internet Rural de R para completar cobertura de alta velocidade en Melide
Nas zonas de Melide onde, por cuestións orográficas ou de dispersión da poboación, non chega a fibra óptica, existe a opción de Internet Rural de R con 5G (mambo Axiña) que lle permitirá a fogares e empresas destes lugares de difícil acceso dispor de alta velocidade de ata 150 Mbps con 5G e Wi-Fi 6.
A tecnoloxía 5G de Internet Rural de R apóiase, dunha banda, nun router que permite conseguir esas velocidades e, por outra, no sistema Wi-Fi 6 para facilitar, por exemplo, unha experiencia multidispositivo excelente conectando á vez distintos aparellos cunha latencia mínima, semellante á que terían cunha conexión de fibra ( latencia = tempo que tarda en cargar unha páxina, en enviarse un correo electrónico ou en executarse unha acción nun videoxogo online).
Segundo engade a operadora, “o servizo Internet Rural fai da nosa empresa, dende 2022, a primeira operadora que dota dunha solución 5G converxente fixo e móbil a clientes/as sen fibra en Galicia”. O obxectivo é “levar esta proposta á maior parte de inmóbeis espallados por zonas da comunidade de orografía complicada”.
A empresa lembra que a día de hoxe “o 90% da poboación galega dispón de cobertura 5G de R e está preparada para facer uso desta tecnoloxía avanzada de quinta xeración”. Así, un total de 224 concellos galegos, incluído Melide, dispoñen xa da solución Internet Rural de R, que lles permite aos seus habitantes navegar a altas velocidades como o poden facer en 1,7 millóns de fogares cubertos por R coa súa fibra óptica FTTH de última xeración.
25 anos
No balance, R recorda que leva 25 anos despregando fibra no territorio para dotar Galicia “das mellores infraestruturas de telecomunicacións e situala á vangarda europea e internacional, en condicións de competir coas rexións máis avanzadas do mundo a calquera nivel”.
Fibra óptica ou Internet Rural de R, opcións idóneas ante a fin do ADSL
Por último, tanto a opción da fibra óptica FTTH de R como a súa solución de Internet Rural son tamén alternativa para quen teñan en Melide unha conexión a Internet a través de par de cobre, “porque o tradicional ADSL deixará de funcionar por completo nuns días en Galicia”. R engade que a maior parte dos usuarios con ADSL en Galicia viven no rural, pois a dispersión xeográfica e a orografía favoreceron no seu momento a despregadura do par de cobre para chegar a moitos lugares investindo menos. “Con todo, o ADSL ficou obsoleto xa que ofrece menos largo de banda e sofre máis con meteoroloxía adversa”, sinala a empresa de telecomunicacións no seu balance.
(*) Aínda que R manifesta chegar a 11.800 inmobles en Melide, os datos do INE de 2011 recollen que o concello ten un total de 6.143 inmobles, polo que o dato semella incorrecto.