Meizu presenta un smartphone con pantalla de 5,1 polgadas e procesador de 8 núcleos

luns, 2 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A cámara do Meizu MX3 ten un sensor de 8 Mpíxeles fabricado por Sony

Un dos principais fabricantes de telefonía móbil de China, Meizu, presentou hoxe as súas cartas para manter o seu pulo no seu mercado, e deu a coñecer o que será o seu Meizu MX3, o seu novo móbil insignia que sorprende cunha pantalla de 5,1 polgadas cunha relación de aspecto un tanto curiosa (15:9) de xeito que ten unha resolución de 1.800 x 1.080 píxeles, á vez que conta cun marco de só 2,9 milímetros, conseguindo unha aparencia bastante compacta (o seu grosor máximo é de 9,1 milímetros e o seu peso de 143 gramos).
O novo smartphone venderase en capacidades de 16/32/64/128 Gb a prezos de entre 2.499 e 3.999 iuans (309,27 e 494,9 euros), contará cun procesador Exynos 5410 de 8 núcleos (4 A15 a 1,6 GHz e 4 A7 a 1,2 GHz), gráfica PowerVR SGX 544MP3 a 533 MHz, 2 Gb de RAM, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N (con Wi-Fi Direct e Miracast), Bluetooth 4.0, NFC, GPS e HSDPA+. A súa batería de 2.400 mAh permitiríalle navegar pola web ata 9 horas empregando 3G (10 horas con Wi-Fi) ou reproducir vídeo a 1.080p durante ata 7 horas.
Como sistema operativo, o Meizu MX3 emprega Flyme 3.0, unha versión personalizada de Android 4.2 con numerosas melloras introducidas por Meizu. Neste momento está aberta a reserva deste novo terminal que chegará ao mercado chinés a finais de mes, e sería de agardar que fose relativamente doado conseguilo dende Europa dada a popularidade que está a acadar este fabricante polos seus prezos agresivos.

O móbil de Meizu contará con carcasas de numerosas cores

PUBLICIDADE