Meizu leva até os 546 dpi á pantalla do seu smartphone de 5,5 polgadas

xoves, 20 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses parecen empeñados en demostrar ser capaces de fabricar terminais móbiles de alta gama, e non conforme con ter no seu catálogo o seu MX4, Meizu presenta agora o MX4 Pro, que supón un salto adiante para incorporar novos tamaños de pantalla de alta densidade, incrementando tamén outros elementos do móbil para poder estar á altura das esixencias do novo nivel gráfico.
O Meizu MX4 Pro é así un grande terminal con pantalla NEGA LCD de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.536 píxeles (ou sexa, con 546 puntos por polgada, moi por diante dos 401 puntos da iPhone 6 Plus, co que practicamente empataba o anterior Meizu MX4), que para estar á altura de tal pantalla funciona cun procesador Samsung Exynos 5430 de 8 núcleos (4 núcleos de A15 a 2 GHz e outros 4 de A7 a 1,5 GHz) e 3 Gb de RAM, así como unha batería de 3.350 mAh.

O Meizu MX4 Pro conta cunha cámara frontal de 5 Mpíxeles como unha aposta polos autorretratos de calidade

A este móbil non lle faltan unha xenerosa cámara traseira de 20,7 Mpíxeles e sensor Sony (capaz de gravar vídeo a 4K), unha cámara frontal de 5 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0 e conectividade LTE capaz de realizar descargas a até 150 Mbps. O terminal tamén ten vocación internacional, xa que funciona en 5 tipos de redes e soporta 13 bandas distintas.
Este smartphone chega ao mercado chinés en tres capacidades distintas (16/32/64 Gb) a prezos de 2.499, 2.699 e 3.099 iuans respectivamente (ou sexa, entre 325,33 e 403,45 euros), o que é un prezo bastante contido para as súas impresionantes especificacións.

PUBLICIDADE