Medra en 15 puntos o uso da Rede entre os galegos de entre 55 e 65 anos

mércores, 6 de novembro do 2019 Redacción

Para quen siga opinando que as novas tecnoloxías son cousa exclusiva da mocidade e que a xente de certa idade non tira proveito das ferramentas dixitais, sinalarlle que os informes sobre uso das TIC por idades non fan máis que desmentir estas falsas crenzas. Por exemplo un dos máis recentes traballos do INE, no que se certifica, entre outras cousas, que o uso da Rede medrou en 15 puntos entre os galegos de 55 a 65 anos no último ano.
Este proceso de crecemento, extensíbel ao emprego e á contratación de Internet, abrangue tamén a situación dos núcleos máis pequenos de poboación respecto do proceso dixital (localidades de menos de 10.000 habitantes), que pasaron de ter unha media do 74,3% dos fogares conectados a unha taxa 81,2% no último ano.
Estes e outros datos forman parte do estudo publicado en outubro polo INE (Instituto Nacional de Estatísica) sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2019 e analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Segundo fai saber o observatorio galego, malia os avances en Internet das poboacións de máis idades, segue a ser un feito incontestábel que o uso e a contratación da Rede continúan a estar condicionados polo perfil sociodemográfico e “en Galicia, malia rexistrarse un crecemento sostido, mesmo por riba da media do conxunto do Estado, o peso da poboación maior de 65 anos inclina a o cómputo final de Galicia ás últimas posicións na comparativa estatal”. De feito entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal.
Ao fío do devandito, o observatorio galego lembra que as cifras do último informe do INE confirman que os galegos por debaixo dos 34 anos superan a media estatal no uso habitual de Internet, “pero especialmente en relación ás compras online”, de xeito que a mocidade galega supera en 6 puntos porcentuais ao conxunto dos españois. De maneira paralela a isto, estanse a producir incrementos significativos do uso das TIC entre a poboación de maior idade.
Respecto da contratación en Internet, preto do 89% dos fogares galegos conta con este servizo, o que supón un incremento do 7,5% con respecto ao ano 2018, superior ao crecemento do conxunto do Estado (5,8%) e o maior rexistrado desde 2016. Segundo aclara o OSIMGA, “o medre máis importante prodúcese nos concellos galegos con menor poboación, os de menos de 10.000 habitantes, nos que os fogares conectados pasan dun 74,6% a un 81,2%”. Amais, nos espazos urbanos o incremento na contratación de Internet e da banda larga é superior á do conxunto do Estado, novamente.
No que atinxe ao uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, o informe do INE sinala que o 84% dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 4,5%, con respecto ao ano anterior. Amais, como dixemos antes, entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal. Ademais dos usos tradicionais, como os servizos de mensaxes instantáneas ou o correo electrónico, unha das vertentes de Internet máis estendidas entre os internautas galegos a é a banca electrónica, que utiliza o 64,6% dos internautas na nosa Comunidade, catro puntos máis que a media estatal. A investigación destaca igualmente a relevante presenza da Nube como sistema de almacenamento de ficheiros con fins privados, que practica un 46,2% dos galegos que utiliza Internet converxendo co conxunto do Estado.
Segundo a información que ofrece o INE, a maior parte das vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 83,1% emprega unha conexión móbil de banda larga través dun dispositivo de man. Trátase da principal tecnoloxía de acceso, por diante da conexión por ADSL, cable ou fibra, que utiliza o 76,2% dos fogares. No conxunto de España as posicións invértese.
Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, a investigación recorda que nos concellos con poboación maior de 20.000 habitantes, a media galega iguala ou supera á estatal na contratación a Internet e a banda larga.
Así, nas vilas galegas de 20.000 a 50.000 habitantes rexístrase un forte ritmo de crecemento dos indicadores relacionados coa contratación de Internet e de banda larga. Neste tipo de concellos a conexión a Internet de banda larga medrou máis dun 8,5%, situándose no 94,1%, superando o valor da media estatal en 2,5 puntos porcentuais.

PUBLICIDADE