Mecool Now: un dispositivo con Android TV para facer videoconferencias

luns, 22 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Os fabricantes de televisores retiraron o soporte de cámaras web hai anos, ante a falta de uso, pero a pandemia e os confinamentos provocaron cambios de hábitos, de aí que agora vexamos produtos como Mecool Now, un accesorio para incorporar Android TV a un televisor, que incorpora cámara, de xeito que facilita a realización de conferencias a través de Google Duo dende o televisor do salón (permitindo contestar chamadas entrantes con só premer un botón físico no propio dispositivo). Como elemento sorpresa, o Mecool Now tamén integra TikTok e inclúe soporte para o codec AV1, co que promete videochamadas e streaming de calidade grazas a un mellor aproveitamento do largo de banda. Na liña doutros produtos semellantes, tanto a cámara como o micrófono poden desactivarse, protexendo así a intimidade dos usuarios.
Se deixamos a un lado a posibilidade de realizar videochamadas, o Mecool Now vén a ser un dispositivo con Android TV bastante tradicional, cun mando a distancia sinxelo que integra micrófono e botóns para o asistente de Google, Google Duo, YouTube e TikTok, así como control de volume e a cada vez máis habitual cruceta de direccións con forma circular e botón central para moverse polos menús. Un xeito de facilitar que televisores que non sexan recentes poidan gozar das aplicacións de vídeo en streaming e de moitas outras ferramentas grazas a que tamén inclúe a Google Play Store (en contraste, por exemplo, cos Fire TV de Amazon, que teñen unha tenda de aplicacións moi limitada).
Este curioso trebello está á venda a un prezo de 143,99 dólares (120,69 euros) e véndese vía web con gastos de envío de balde.

O trebello pode empregarse para acceder ás principais plataformas de vídeo en streaming
Poder empregar o dispositivo para usar TikTok é toda unha sorpresa

PUBLICIDADE