Measure permite medir obxectos dende calquera móbil con soporte de ARCore

venres, 22 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Unha das demostracións máis habituais da utilidade da realidade aumentada nos móbiles que se fixo máis nos últimos dous anos é a de realizar medicións directamente co teléfono empregando unha aplicación, especialmente no caso do iPhone, pero agora esta funcionalidade está ao alcance de todos os smartphones compatibles con ARCore, como o Google Pixel 2 ou o Samsung Galaxy S9, de xeito que instalando a aplicación Measure podemos medir larguras e alturas.
Para poder facer tal temos que abrir a aplicación, mover a cámara do móbil polo contorno para permitir o seu calibrado (tras o que veremos grellas de puntos sobre as superficies detectadas) e logo enfocar ao obxecto que queremos medir, podendo incluso gardar unha fotografía coa medición realizada.
Esta aplicación até o momento só funciona cos móbiles do proxecto Tango, pero con esta nova versión ábrese a practicamente calquera smartphone de alta gama actual, e moitos outros móbiles que vaian chegando ao mercado nos vindeiros meses, deixando claro que esta tecnoloxía continúa a prosperar, aínda que resulte difícil polo momento saber cando conseguirá callar entre o público con algún uso que sexa realmente revolucionario, que vaia moito máis aló de poder medir as dimensións dun teléfono que pousemos sobre unha mesa.

PUBLICIDADE