MeLiSA organiza unha nova xornada de software libre científico o 25 de abril

martes, 9 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

A Asociación de Usuarios de Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA) vai organizar o vindeiro 25 de abril a segunda edición da súa Xornada de presentación de Software Libre para uso científico. A cita será na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago, no Campus Sur. O obxectivo principal da xuntanza é o de compartir coñecementos e experiencias arredor dos programas abertos e a tecnoloxía sen cancelas para a comunidade investigadora.
Asemade, presentarase a versión 4.0 da ferramenta BioStatFLOSS, que unha escolma de software libre de utilidade para estudos de saúde, investigación biomédica e formación bioestatística.
A xornada conta co apoio da dita asociación e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago. O acceso é libre, e a inscrición de balde, podendo ser realizada na ligazón http://xornada.melisa.gal/#formulario.
O programa de actividades dará comezo ás 9.00 horas, coa recepción de asistentes, para dar paso pouco despois á inauguración e á benvida, a cargo de Rafael Rodríguez Gayoso, presidente de MeLiSA. Máis tarde será a quenda dos relatorios, a cargo de Rosa Crujeiras Casais (Ciencia en aberto), Francisco Pena Brage (Cálculo con software libre: Octave e Sagemath) e Juan Carlos Arroyo (Ferramentas útiles para desenvolvedores). Logo da pausa para o café do mediodía, retómanse as conferencias da man de Rafael Rodríguez Gayoso (CKAN: datos abertos e accesíbeis), María José Ginzo Villamayor (Sistemas de información xeográfica: QGIS) e Miguel Ángel Rodríguez Muíños (BioSatFLOSS 4.0: Escolma de Software Libre Científico para Windows).

PUBLICIDADE