MeLiSA achega os estudos de bacharelato ao centro penitenciario de Monterroso

martes, 30 de novembro do 2021 Anxo Sesto

O colectivo MeLiSA vén de instalar un novo servidor na localidade de Monterroso para os alumnado de bacharelato do penitenciario. Segundo informaron, este equipo informático foi cedido polo IES San Clemente de Santiago e permite o acceso ás guías das diferentes materias de bacharelato.
Os voluntarios da asociación de software libre MeLiSA, con base en Melide, remataron as últimas tarefas de instalación e configuración deste servidor, que permitirá que os internos do centro penitenciario de Monterroso poidan acceder ás guías das diferentes materias do bacharelato.
Mediante os equipos informáticos, os internos terán a posibilidade de acceder aos contidos publicados polo instituto de igual xeito que se estiveran no exterior. Estas guías veñen dispostas por quincenas e a por avaliación e engloban as diferentes materias do bacharelato. Os contidos destas guías foron desenvolvidos por equipos de traballo conformados por profesorado de diferentes centros educativos galegos, coordinados polo IES San Clemente e con financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Os beneficiarios deste servizo non só terán dispoñibles as guías, senón que tamén se incorporarán gravacións das clases presenciais nas aulas. Isto ten como obxectivo “facilitar o estudo e a organización dos internos co resto de tarefas e actividades que teñan programadas ao longo do curso escolar”.
O equipo de voluntarios melidaos que conforman MeLiSA agradeceu tanto o apoio do centro penitenciario, como o do profesorado do IES San Clemente, así como a colaboración do seu xefe de estudos, Víctor Lourido, na posta en marcha da iniciativa.

PUBLICIDADE