Max Payne Mobile estrea versión para iOS

xoves, 12 de abril do 2012 Marcus Fernández

Imaxe da versión para iPhone do xogo

O vindeiro 18 de maio a Xbox 360 e a PlayStation 3 recibirán o xogo Max Payne 3, e para que os seareiros desta franquía poidan rememorar os seus inicios chega hoxe á App Store Max Payne Mobile, unha revisión do Max Payne orixinal adaptado a iPhone, iPod Touch e iPad, polo que tiveron que adaptar os gráficos do xogo para PC aos trebellos móbiles actuais, o que curiosamente supón ter que melloralos para as pequenas pantallas de alta definición (en contraposición da tendencia anterior na que os xogos de PC e consola tiñan que reducirse para dispositivos móbiles).
O Max Payne chegara ao PC en 2001, e actualmente aínda é posible adquirir tal versión mediante descarga por 9,99 euros, ocupando 830 Mbytes na súa instalación completa, o que contrasta coa versión para iOS, que por 2,39 euros ofrece unha aplicación que ocupa un total de 1,11 Gb, o que serve para ilustrar que estamos ante un título mellorado, que curiosamente é máis económico.
Max Payne Mobile adaptou a xogabilidade do PC á pantalla táctil dos trebellos de Apple, ten controis moi personalizables, é compatible coa pantalla Retina do novo iPad, conta con varios modos de puntería, intégrase co Rockstar Social Club para seguir estatísticas, desbloquear trucos e moitos máis; e aínda que polo momento só estea dispoñible para iOS, trátase dunha exclusividade temporal, pois a súa versión para Android estará dispoñible a partir do vindeiro día 26.

O xogo está adaptado á pantalla Retina do novo iPad
Max Payne tivo que adaptarse a unha interface de uso táctil

PUBLICIDADE