Max Payne 3 sairá en marzo de 2012

xoves, 8 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Rockstar Games anunciou oficialmente que o seu agardado xogo Max Payne 3 chegará oficialmente nas súas versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC en marzo de 2012, polo que entendemos que o seu desenvolvemento marcha a moi bo ritmo. Este rexurdir das historias do detective neoiorquino Max Payne supón un importante cambio na saga, pois estrea modo multixogador e unha historia ambientada en distintos momentos da vida do protagonista (que segue atormentado polo seu pasado). Nesta nova aventura Max inicia unha nova vida traballando en seguridade privada, encargándose da protección dun rico empresario e a súa familia en São Paulo, e ante un ataque deberá esforzarse para salvar aos seus clientes e limpar o seu nome.
O xogo utiliza tecnoloxía punteira para crear unha experiencia de acción perfecta e cinematográfica, cos últimos avances de Natural Motion nas físicas e unha nova versión do Rockstar Advanced Game Engine. Tamén conta cun amplo repertorio de armamento real, un sistema de cobertura intelixente e sofisticadas mecánicas de Tempo Bala que son toda unha marca da casa.

Max Payne deberá protexer á familia dun empresario en São Paulo
No xogo tamén transcorrerá no pasado de Max Payne, completando a historia e enriquecendo a mecánica de xogo

PUBLICIDADE