Matemáticas de Santiago acolle esta semana unha mostra sobre a evolución do cómputo

mércores, 19 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

O ordenador que temos hoxe diante mentres lemos este texto non xurdiu da nada. Como moitas das cousas que nos rodean, non son máis que o simple elo dunha longa cadea de evolución. No caso concreto dos computadores, o seu xermolo está no intre mesmo en que un ser humano quixo facer o máis doada e rápida posible unha operación matemática. Semellante percorrido, que dá para moito, é o alicerce dunha mostra inserida dentro da Semana da Ciencia e que podemos visitar até este venres 21 de novembro na Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela. O obxectivo da exposición, en boca dos seus organizadores (a propia Facultade), non é outro que dar a coñecer ás novas xeracións que non sempre foi doado facer cálculos, e que a humanidade non puído contar co privilexio de ter a man unha calculadora ou un ordenador até hai ben pouco.
A mostra, composta por paneis explicativos, vai directamente orientada a cumprir o que ben podería chamarse “a máxima da Semana da Ciencia”: poñer a investigación o máis preto posible do ollo do cidadán común.
A liña que segue a mostra é unha liña lúdico-histórica: preténdese que os participantes se decaten de como a necesidade foi a que impulsou á xente a estimular o maxín na procura de acadar o que se propoñía, e de como os sistemas de cálculo foron gañando en complexidade atendendo ás novas necesidades. A mostra en cuestión, que ten horario de 10.00 a 21 horas, leva un título que fala por si só: Brevísima historia de como aprendemos a contar e os aparellos empregados.

PUBLICIDADE