Marvel’s Spider-Man terá versión para PC

venres, 3 de xuño do 2022 Marcus Fernández

Sony realizou esta semana un State of Play que pretendía servir para anunciar os xogos que están en preparación para PlayStation VR2, pero que finalmente serviu para acoller outros anuncios bastante máis relevantes para a grande masa de xogadores.
No que á realidade virtual se refire, o principal anuncio sería que están a traballar en levar Resident Evil Village á realidade virtual, de xeito que os propietarios dunha PlayStation 5 que se fagan cunha PlayStation VR2 poderán gozar do terrorífico xogo con gráficos moi detallados, aproveitando ao máximo as capacidades da pantalla 4K HDR do casco de realidade virtual así como o audio 3D da consola de Sony, conseguindo unha experiencia inmersiva.
Tamén veremos un remake de Resident Evil 4 (que será compatible con VR2, aínda que tamén poderá xogarse sen casco de realidade virtual), o xogo de zombis The Walking Dead: Saints and Sinners Chapter 2, a adaptación á realidade virtual de No Man’s Sky e incluso un xogo baseado no universo de Horizon Zero Dawn, que responderá ao nome de Horizon Call of the Mountain.
Aínda que non se detallaron aínda o prezo e a data de lanzamento do casco de realidade virtual da PS5, tras estes anuncios parece bastante probable que 2023 vaia ser o ano da explosión da realidade virtual na PlayStation 5, o que podería contribuír á aceleración deste tipo de xogos que polo momento son pouco máis que anecdóticos cun par de honrosas excepcións.

Marvel’s Spider-Man chegará a PC

Pero o anuncio máis rechamante do State of Play foi, sen dúbida, que este ano veremos os xogos Marvel’s Spiderman Remasterizado e Marvel’s Spiderman: Miles Morales en ordenadores persoais, ou sexa, que estes grandes éxitos de Insomniac Games xa non serán exclusivos de consolas PlayStation, servindo este lanzamento para incrementar o seu grande alcance (até o 15 de maio xa conseguiron vender en conxunto máis de 33 millóns de copias a nivel mundial).
Marvel’s Spider-Man Remasterizado (ou sexa, a actualización técnica que tivo o xogo para aproveitar a potencia da PS5) chegará a PC o 12 de agosto, mentres que Spider-Man: Miles Morales verá a luz no outono.

Street Fighter 6 cada vez máis preto

Aínda que no State of Play se anunciaron lanzamentos como Tunic (aventura de grande éxito en PC e consolas Xbox, que finalmente chegará a PS4 e PS5 o 27 de setembro), Season: A letter to the future (xogo narrativo en terceira persoa que chegará en outono a PS4 e PS5) e mesmo Final Fantasy XVI (que chegará en exclusiva a PlayStation no verán de 2023), o xogo do que achegaron máis detalles foi Street Fighter 6, título de loita que o ano que vén chegará a PS4 e PS5 (aínda que cómpre salientar que desta volta o xogo tamén terá versións para PC e Xbox Series X|S).
Nos últimos 35 anos son moitos os cambios que foi recibindo a serie de Street Fighter, adaptándose ás distintas tendencias, e con Street Fighter 6 veremos como Capcom sabe satisfacer aos seus seareiros con numerosos modos de xogo, potenciando o xogo en liña, pero sen marxinar os combates en local, de xeito que a saga poderá seguir mantendo a súa coroa como referencia dos xogos de loita competitivos.
O novo estilo visual do xogo preséntase cada vez con máis detalle, á vez que van amosando novos loitadores que van incorporándose a un cadro moi completo no que moitos dos personaxes clásicos locen dun xeito renovado. Tamén haberá unha interesante novidade no apartado sonoro: Street Fighter 6 terá un sistema de comentarios en tempo real, de xeito que durante as partidas poderán escoitarse narracións como se fose unha retransmisión deportiva, o que engadirá emoción, á vez que tamén axudará a que os novos xogadores poidan coñecer mellor as mecánicas de xogo e outras interioridades deste completo título que sairá á venda en 2023.

Vídeo co State of Play desta semana

PUBLICIDADE