Mario Kart 8 premiará aos primeiros compradores cun xogo descargable de balde

mércores, 30 de abril do 2014 Marcus Fernández

Nintendo está a preparar o terreo para o lanzamento de Mario Kart 8 para Wii U, para o que publicou hoxe un novo Nintendo Direct no que dan conta de novos detalles sobre a conexión en liña do xogo, novos personaxes, devastadores obxectos e unha promoción de lanzamento a través da que, co rexistro do xogo, conseguirase un código de descarga de balde para facerse cun xogo a elixir entre NintendoLand, Super Mario Bros. U, GAME & WARIO, Pikmin 3, The Legend of Zelda: Teh Wind Waker HD, Sonic Lost World¸ Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos de Invierno – Sochi 2014, Wii Party U, Monster Hunter 3 Ultimate e The Wonderful 101. A devandita promoción aplicarase tanto ao xogo solto como á edición limitada da Wii U que incluirá o xogo, sendo preciso realizar o rexistro de Mario Kart 8 no Club Nintendo ata o 31 de agosto para poder beneficiarse desta promoción.

Xogos incluídos na promoción de lanzamento de Mario Kart 8

Hoxe tamén deuse conta de que o multixogador de Mario Kart 8 permitirá competir en liña ata a 12 xogadores con 4 opcións no menú para atopar opoñentes (mundial, rexional, amigos e rivais e torneo), contará con chat de voz a través do micrófono do GamePad e tamén contará coa posibilidade de crear torneos públicos ou privados.
Dentro do xogo contarase coa canle Mario Kart TV, na que os xogadores poderán ver os mellores momentos das súas carreiras e dos torneos nos que participan, coa opción de rebobinar e de reproducir a cámara lenta as secuencias preferidas, sendo posible compartir estes momentos a través de YouTube.
O xogo terá novos obxectos, como unha cuncha con pinchos, a superbucina líquida e o oito tolo (un remuíño de 8 obxectos que poderán empregarse un a un); confírmase tamén a aparición dun par de personaxes femininos: a Peach de ouro rosa e Bebé Estela. Tamén lembran que será posible xogar empregando o noso propio Mii, de xeito que o número total de pilotos chegaría aos 30.


Vídeo no que explican as últimas novidades de Mario Kart 8


Último trailer do xogo

PUBLICIDADE