María Garaña substitúe en Microsoft España a Rosa García, que ascende á directiva europea

mércores, 11 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Microsoft vén de renovar a súa directiva na división de España e faino apostando unha vez máis pola figura dunha muller á fronte do devandito equipo. O novo paso da multinacional, encamiñado (segundo sinala a propia compañía nun comunicado) a afianzar e desenvolver a súa estratexia en liña, deixa como presidenta de Microsoft España a María Garaña Corces, até o de agora directora da empresa para o Cono Sur Iberoamericano e, máis concretamente, xefa de vendas e promoción en Chile, Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia. Polo que respecto á presidenta saínte, Rosa María García, dicir que –tal e como anunciou hai semanas– pasa á fronte do equipo directivo a nivel europeo, concretamente á vicepresidencia.
Volvendo a María Garaña, dicir que a súa experiencia na casa remóntase a 2002, data na que se incorporou a Microsoft procedente de Zoom Media, un selo editorial vinculado de xeito moi estreito ás novas tecnoloxías, á fotografía e ao deseño gráfico. A nova presidenta de Microsoft en España, achega unha formación diferente á de Rosa García. Así, non é licenciada en Matemáticas coma a directiva saínte, senón en Empresariais e en Dereito (pola Universidade San Pablo en Madrid).
María Garaña, que se incorporará ó seu posto a principios do mes que vén, súmase á división que a firma ten en España ó mesmo tempo que esta anuncia unha nova estratexia de negocio que, entre unha serie importante de accións, incluirá a propia constitución da propia compañía en dous grandes sectores: Consumo & Online (que en España é responsabilidade xa de Juan Carlos Fernández) e os restantes sectores. Con esta estrutura, a idea da compañía é tirar o máximo partido das posibilidades da Rede, o que entre outras cousas significa que non pensa ceder un centímetro na súa loita competitiva co buscador Google.

PUBLICIDADE