Marcos Mata (CPETIG): “Segue habendo motivos para reivindicar xustiza coa profesión”

xoves, 7 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Remataron a xornada Iuristicgal e mailo Scratch Day, dúas das grandes actividades anuais do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), e en Código Cero quixemos facer un algo de balance destas dúas relevantes citas. E que mellor que facelo da man de Marcos Mata, presidente do colexio. Marcos conversa con nós dos porqués do éxito das ditas xornadas, das razóns polas que o colexio ten que seguir loitando para defender a profesión que representa e, tamén, dos motivos polos que non hai que baixar a garda en materia de actualización e aprendizaxe: formarnos de continuo en novas tecnoloxías, dende idades temperás e poñendo o foco nas vertentes máis construtivas e participativas, é un xeito de contribuír, individual e colectivamente, á chegada dun futuro mellor.
-Marcos, recentemente celebrouse unha nova edición da xornada Iuristicgal, organizada polo CPETIG, e xa son moitas edicións, un total de nove, as que ten detrás esta actividade. Unha das cousas que máis nos chama a atención é o importante grupo de xente (tecnólogos, xuristas, ou ámbalas dúas cousas nun só profesional) que sempre conseguides xuntar. Cal é a fórmula do éxito? Como seguir tendo este empuxe ao longo do tempo?
-A verdade que este é un evento moi gratificante para o Colexio, porque conseguimos fidelizar moi ben a unha gran parte do público que ano tras ano asiste á xornada, e, por outra banda, sempre se incorpora xente nova que asiste motivada por referencias ou recomendacións de colegas. Temos a certeza de que esa fidelidade é un dos piares máis sólidos do éxito de Iuristicgal e, xunto a iso, creo que o destacado perfil profesional dos relatores é tamén un sinal de identidade deste evento. Este ano, por razóns organizativas, fixemos unha edición condensada, lite, en sesión só de maña, nun formato que foi moi ben recibido polos participantes. E para a vindeira edición, que será xa a décima, trataremos de incorporar tamén algunha novidade, aínda que conservando a esencia coa que naceu a Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos hai xa case dez anos.
-Que destacarías da última edición de Iuristicgal? A xustiza e as novas tecnoloxías é unha confluencia temática que nunca se esgota?
-Pois como comentabamos antes, o evento está a piques de cumprir dez anos e mantén intacta toda a súa vixencia. Cando empezamos en 2010, foi unha iniciativa realmente pioneira, porque daquela apenas había foros que abordaran a estreita interrelación entre a Xustiza e a Informática. Co paso do tempo, xurdiron outras iniciativas neste ámbito, pero para nós é unha honra e unha gran satisfacción ver que está consolidado como un evento de referencia, con un pasado moi sólido e, á vez, con moito futuro por diante. Un futuro que irá da man do moito que aínda nos vai deparar a implementación da Intelixencia Artificial ao ámbito da Xustiza.
-Este outono está a resultar un outono de moita actividade para o CPETIG, sobre todo nos ámbitos da divulgación e do intercambio de coñecemento. Os días pasados celebrastes o V Scratch Day en Santiago, mobilizando a participación das familias galegas arredor das utilidades e beneficios de aprender a programar. Cales son os obxectivos do CPETIG con este tipo de actividades? Por que é tan importante apostar pola formación TIC en familia?
-O Scratch Day é outra das iniciativas que máis satisfacción nos depara, por moitas razóns. Porque nos permite convivir durante unha xornada coa rapazada, ver a súa motivación para aprender e desfrutar coa programación e facelo na compañía dos pais e das nais. Ver a nenas e nenos de pouco máis de 7 anos con ganas de aprender a programar fai que sexamos decididamente optimistas. Por iso, o Scratch Day é para nós algo así como unha foto dun futuro mellor, un futuro no que veremos superados os estereotipos e clixés sobre a profesión, e no que as mozas e os mozos estarán motivados por igual e valorarán sen prexuízos a informática como unha sólida opción na elección dos seus estudos universitarios.
-Un dos principais cometidos do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia é defender a profesión que representa e loitar para que non se sigan lanzando convocatorias laborais notoriamente TIC nas que se discrimine a Enxeñaría Técnica en Informática. Segue habendo motivos para seguir loitando ou credes que a vaga de prexuízos cara a profesión xa remitiu?
-Segue habendo motivos dabondo para reivindicar non xa melloras na profesión, senón xustiza, porque pesa sobre ela unha rotunda discriminación. As titulacións universitarias vinculadas á Informática sofren agravios insostibles, como casos de convocatorias de prazas públicas da escala técnica en informática abertas a calquera titulación universitaria.
Recentemente, o Goberno do Estado tivo a oportunidade de corrixir esta situación, incluíndo á Informática no Anexo VIII do Real Decreto 581/2017 coma profesión con atribucións (algo que de facto xa é unha realidade), un compromiso adquirido publicamente pola Secretaría de Estado para la Sociedad de la Información y Agenda Digital, e que unha vez máis foi incumprido.
A non regulación supón manter situacións de falta de garantías e responsabilidades nos servizos prestados dende empresas e administracións, e agravios en aspectos coma as taxas universitarias ou o recoñecemento e homologación de títulos estranxeiros.
Polo tanto, o CPETIG sigue esixindo a modificación do actual marco normativo para que as Enxeñarías en Informática, e, en particular a profesión de Enxeñaría Técnica en Informática estean equiparadas ó resto de enxeñarías.
-Co inicio do novo ano, o 28 de xaneiro, toca celebrar o Día Europeo para a Protección de Datos. Con todo o que ten chovido neste ámbito e coa entrada en vigor da nova lei sobre protección da información, cres que agora si, definitivamente, sabemos ben que facer cos datos propios e alleos ou aínda queda moito por avanzar?
-Aínda queda moito por avanzar nun dobre plano: por unha parte para que cada persoa sexa moi consciente das medidas que debe tomar para non poñer en risco os seus datos e, por outra, por parte das administracións, empresas e calquera organización, para asegurar que utilizan métodos e protocolos respectuosos coa LOPD. Recentemente, hai un par de semanas, limos que o INE ten en proxecto seguir a pista dos móbiles para elaborar estatísticas. Cando menos, intranquiliza saber que un instituto público faga este tipo de operacións, que, segundo os expertos, hai dúbidas de que poidan infrinxir a Lei de Protección de Datos. É dicir, temos un corpo lexislativo de abondo “garantista”, pero temos que seguir moi vixiantes para ter a seguridade de que non se vulneran os dereitos individuais nesta materia tan sensible.

PUBLICIDADE